Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobación inicial da Ordenanza xeral...

SESIÓN PLENARIA ORDINARIA DE XULLO

Aprobación inicial da Ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial

Martes 27 de xullo do 2010

O pleno tamén aprobou a terceira fase do traslado provisional dos postos do mercado municipal de abastos. Esta medida afecta a once postos que están nestes momentos na planta alta do edificio e que volverían a ocupar os postos exteriores. Este cambio está previsto que teña lugar arredor do mes de setembro. Trátase do terceiro traslado que sofren os postos debido aos traballos de remodelación integral, despois do inicial que fixo que os concesionarios dos postos exteriores se mudasen á segunda planta para permitir o desenvolvemento das obras; e dun segundo que facilitou o traslado dos postos da primeira planta á planta baixa, onde permanecen nestes momentos. No apartado económico, inclúese unha modificación orzamentaria, mediante suplemento de crédito, do orzamento do Padroado Deportivo Municipal. Así, incorpórase á totalidade o remanente líquido de tesourería, que chega aos 49.662 euros. Este importe destinarase a reparacións, á adquisición de maquinaria ou mobles, a limpeza, a equipos informáticos ou á formación de monitores, entre outros.

Por unanimidade saíu adiante a convocatoria das bases das bolsas de estudos e transporte para o curso 2010/2011, polas que está previsto conceder un total de 20.240 euros en bolsas. Nesta convocatoria hai novidades, simplificándose a documentación necesaria para presentar as solicitudes, non só para facilitar o traballo dos técnicos á hora de elaborar os baremos, senón tamén a recompilación de documentos por parte das familias. Así mesmo, saíu adiante unha modificación orzamentaria, mediante transferencia de crédito do orzamento xeral do Concello de Carballo de 2010. Así, en maio deste ano o Concello encomendáralle nunha sesión plenaria ao Padroado a cobertura de 4 das prazas de socorristas, dun total de 32, para vixiar os areais carballeses durante o verán. Agora, o concello realiza una transferencia de 12.552,77 euros para cubrir o prezo dos salarios e da seguridade social destes catros traballadores. Por último, rexeitáronse dúas mocións presentadas polo PP, unha relativa á supresión da rotonda do barrio de San Cristovo, e outra sobre o Decreto do carbón.

Compartir: