Inicio Carballo ao día Hemeroteca O V Festival Sereas e Piratas da un xiro cara ao...

SÁBADO 24 DE XULLO ÁS 22.00 HORAS

O V Festival Sereas e Piratas da un xiro cara ao pop máis electrónico con grupos "con proxección de futuro"

Mércores 21 de xullo do 2010

Deus explica que na súa quinta edición o festival "segue coa mesma filosofía de tentar facer algo de calidade e para descubrir bandas con proxección de futuro", máis que para traer grupos moi coñecidos e xa consagrados. Asegura que até o momento o obxectivo está cumprido xa que "moitos dos grupos que pasaron por Razo están agora tendo éxito". É o caso, segundo apunta Vanesa Ínsua -tamén de Rebeldía- de Holywater ou Delorean, grupos que pasaron polo Sereas e Piratas e que despois estiveron nun festival de tanto prestixio como o Primavera Sound. "A nós gústanos dicir que somos unha plataforma", subliña Ínsua, xa que "moitos dos grupos que pasan por aquí logo teñen unha proxección importante, e para nós é unha honra". Asegura, así mesmo, "que tamén estamos orgullosos de levar xa cinco anos facendo un festival gratuíto de cultura alternativa". O Concelleiro de Xuventude, Marcos Trigo, manifestou a súa satisfacción por que "unha proposta tan orixinal e alternativa" leve xa cinco anos de andaina, "con apostas interesantes e de calidade".

Respecto dos grupos, e á espera que se confirme quen serán os substitutos de Olimpic, coa arela de "que sexa un grupo de igual nivel ou superior", segundo asegura Deus, hai que mencionar que The Requesters ofrecen en Razo a súa primeira actuación en Galicia. Expoñenes do que se ten dado en chamar como 'indietronic', estes barceloneses que xa coñecen o Sonar propoñen unhas trepidantes sesións para bailar ao son dos seus ordenadores e con constante conexión co público. Noise Project, pola súa banda, veñen de presentar este ano o seu disco 'Asuntos que se resolven co tempo' nos que mesturan estilos coma o rock, shoegaze, noise rock ou noise pop. Colectivo Oruga mestura voces chirriantes, sintetizadores e imaxes cun universo singular e orixinal propio deste grupo: músicos electrónicos que funcionan coma calquera grupo pop ou rock. Bëlop chegan pisando forte desde Redondela, ofrecendo en directo música para bailar con ritmos e cancións contundentes. E por último, están os carballeses Lowcos, "o grupo revelación de Carballo deste ano", segundo Deus, que ofrecerán o seu repertorio de pop electrónico. Un cartel "detrás do que hai moito traballo" e que animan a todo o mundo a desfrutar o sábado 24.

Compartir: