Inicio Carballo ao día Hemeroteca O VI Curso de verán sobre...

UN TOTAL DE 70 PERSOAS REFLEXIONAN SOBRE CREATIVIDADE E LINGUA

O VI Curso de verán sobre dinamización lingüística aborda a importancia da lingua no ámbito cultural e de lecer

Mércores 14 de xullo do 2010

Estas xornadas que reflexionan sobre a lingua son "un curso concibido para a participación", coa presenza de debates e mesas redondas e de "moitos espazos para intercambiar opinións", explica Goretti Sanmartín. Respecto da xustificación da elección do tema da sexta edición, a directora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC sinala que, aínda que "hai tempo que a lingua galega saíu do gueto da cultura e se chegou á conclusión de que a política lingüística ten que ser transversal e incluírse en ámbitos moi diferentes", tamén é certo que hai que reivindicar que "a lingua é un bo espazo para o pasar ben". Arredor desta temática durante tres xornadas haberá, ademais de conferencias, obradoiros lúdicos, espectáculos musicais e poéticos, táboas redondas ou grupos de traballo e debate que elaborarán unhas conclusións que serán trasladadas tanto á Xunta de Galicia, como á Deputación ou aos concellos. Unhas conclusións que serán elaboradas polos propios participantes, coas ideas e liñas de traballo que eles consideren "importantes neste momento", explica Goretti Sanmartín.

O deputado provincial Xoán Sande, describe o curso como unha "oportunidade non só para compartir experiencias, senón tamén para avanzar un ano máis na difusión da lingua". Para Sande "está nas nosas mans estender a lingua a toda a sociedade e facela máis útil se cabe". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, agradeceu que Carballo sexa un ano máis a sede dese curso pensado "para trazar alternativas para algo que é común a todos, como é o propio idioma". Manifestou o seu desexo de que "as xornadas sexan proveitosas" e eloxiou a "alta participación, que está no límite que permite o seu desenvolvemento e o aproveitamento de todos os inscritos". Por último, rematou coa reflexión de que hai que "traballar todos os días do ano en favor do idioma galego, que é co que temos o compromiso". Respecto do programa de conferencias e actividades, hai que subliñar a celebración do concerto de Sés o xoves 15 ás 22.00 horas no Pazo da Cultura, unha actividade de balde aberta a todo o público. Os interesados e interesadas en consultar o programa ao completo poden facelo nesta mesma nova.

Compartir: