Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arredor de 140 corredores e corredoras...

O SÁBADO 17 DE XULLO CON SAÍDA E CHEGADA NO PAZO DA CULTURA

Arredor de 140 corredores e corredoras tomarán parte en Carballo nos Campionatos Galegos de Ciclismo en Estrada 2010

Xoves 8 de xullo do 2010

Cortizo considera que o percorrido, que sae dende Carballo para pasar por Coristanco e Rus e volver de novo á capital municipal, é "magnífico" e "non moi duro", aínda que esixe a resistencia e o bo estado de forma dos seus participantes para acadar a victoria. De todos os xeitos "abre as posibilidades para que calquera poida ser campión". Dende o Club Ciclista Carballo-Placasa consideran unha honra, pero tamén unha responsabilidade, ser os organizadores desta cita e esperan cumprir as expectativas. Dende a Federación recoñecen a capacidade do Club para organizar un Campionato deste nivel e realizan tamén unha chamada aos afeccionados para que vexan de preto unha boa proba enriba da bicicleta. Sabino Cortiza subliña, así mesmo, o bo nivel da selección galega de cadetes e valora tamén as posibilidades dos participantes do Club Ciclista Carballo, "que nas categorías de escolas e cadetes están disputando as probas cos mellores de Galicia". Luciano Calvo, en representación dos patrocinadores, desexoulles grandes éxitos aos rapaces e rapazas da vila.

O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, desexou que se poidan seguir organizando en Carballo este tipo de probas e manifestou a súa satisfacción porque o Club Ciclista Carballo"vaia tendo maior entidade con ciclistas que esperamos que o día de mañá poidan chegar a ser incluso profesionais". Pola súa banda, o Alcalde, Evencio Ferrero, expresou que "a saúde do deporte en Carballo é excelente, sobre todo coa creación de escolas e modelos deportivos". Felicitou ao Club Ciclista Carballo porque "é unha verdadeira satisfacción ver con que voluntarismo seguen levantando o listón do ciclismo entre nós" e desexoulles éxitos aos corredores e corredoras locais. O sábado 17 de xullo está prevista a disputa de cinco probas repartidas en dúas carreiras, que terán lugar a partir das 15.00 horas para os cadetes masculinos e as cadetes e júnior femininas; e ás 17.30 horas para a elite feminina e a júnior masculina. Os interesados e interesadas en obter máis información poden consultar as características do percorrido, o cartel da proba ou o programa máis polo miúdo na web do Club Ciclista Carballo na sección 'Probas en Estrada'.

Compartir: