Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un total de 70 persoas participan no VI Curso de...

ENTRE O MÉRCORES 14 E O VENRES 16 DE XULLO

Un total de 70 persoas participan no VI Curso de verán de Dinamización Lingüística da UDC

Martes 13 de xullo do 2010

O curso comeza o mércores 14 ás 10.30 horas co acto de inauguración, ao que segue un relatorio de Daniel Romero, asesor cultural e dinamizador lingüístico, no que analizará as accións culturais e de lecer na política lingüística. A continuación, o xestor cultural e asesor Xavier Campos, analizará a política lingüística na acción cultural e de lecer. Pola tarde, o dinamizador e sociolingüista Séchu Sende fará un obradoiro lúdico-creativo de ecoloxía e lingua, e a directora do Diario Cultural da Radio Galega, Ana Romaní, falará sobre a experiencia do teatro radiofónico. Para pechar a primeira xornada, as poetas Lucía Aldao e María Lado presentarán novas canles para a manifestación literaria. O segundo día de curso, o xoves 15, comeza cunha táboa redonda sobre lingua, lecer e manifestacións culturais, na que participa a xornalista multimedia María Yáñez, a cantante María Xosé Silvar e a poeta Lucía Aldao. A continuación hai grupos de traballo para analizar o falado na mesa redonda. Pola tarde está prevista outra mesa sobre lingua, lecer e diversidade, na que interveñen o poeta, músico e profesor Leonardo Fernández Campos (O’Leo); a técnica de normalización lingüística de Vigo, Marta Souto; a animadora á lectura da Coruña, Dores Tembrás; e o profesor Santiago Prado.

Ese xoves 15 pola noite (ás 22.00 horas) ten lugar un concerto de Sés, unha banda festeira de dez músicos con ventos e coros, con temas orixinais e unha vocalista (María Xosé Silvar) que canaliza toda a enerxía do escenario, que vai desde os coros africanos até os ritmos ska, do blues á pachanga, da Habana a Budapest... O concerto é no auditorio do Pazo da Cultura e a entrada é libre para todas as persoas que queiran asistir. O último día do curso, o venres 16, hai unha táboa redonda sobre lingua e axentes, na que participarán Luís Bará (profesor de galego, ex concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e ex director xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta), Alberto García (xestor cultural), Paco Veiga (da Asociación Galega do Xogo Popular) e Henrique Martínez (da Gentalha do Pichel de Santiago de Compostela). Da conferencia de clausura encargarase o secretario xeral da Universidade da Coruña e catedrático de dereito administrativo, Carlos Amoedo, que falará sobre "A comprensión xurídica da lingua como ben cultural". É o venres ás 14.00 horas. Os interesados e interesadas en examinar o programa polo miúdo, poden facelo nesta mesma nova.

Compartir: