Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Barcelona, o Deportivo, o Celta, o...

VENRES 25, SÁBADO 26 E DOMINGO 27 DE XUÑO

O Barcelona, o Deportivo, o Celta, o Atlético de Madrid ou o Hoffenfeim alemán danse cita no VI Torneo Fútbol 7 Concello de Carballo

Mércores 23 de xuño do 2010

No que respecta á mecánica do torneo, o director das Escolas Luís Calvo, José Ramón Torres Pichel, manifestou a vontade da organización de "seguir mantendo a calidade" e subliñou a importancia de que este ano os partidos conten con difusión televisiva, un salto máis de calidade para o torneo. Os encontros disputaranse en liguilla de todos contra todos o venres e o sábado, mentres que o domingo 27 xogarase a gran final e os partidos para os clasificados entre o 3º e o 8º posto, que entrarán no cadro de honra xunto co mellor xogador, o mellor porteiro e o máximo goleador. Entre os equipos participantes hai que subliñar a presenza do Barça, que participa cos xogadores que veñen de proclamarse campións no prestixioso torneo de Brunete. Torres Pichel tamén resaltou a participación do Hoffenheim alemán, un equipo que describiu como "un milagre" porque ten moi poucos anos de vida e xa está competindo ao máximo nivel na Bundesliga, ademais de contar "cunha estrutura moi similar á do Villareal" e ser coñecido "pola súa dedicación ao fútbol base".

O Presidente das Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz, Luciano Calvo Pumpido, lembrou unha vez máis a importancia da figura de José Luis Vara Olveira para o torneo, e desexou que os éxitos da cita sexan iguais ou superiores aos da edición anterior, sobre todo co propósito "de que sexa un incentivo para a práctica do deporte". Por parte do Concello, que colabora co Torneo, o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo resaltar o "cartel inmellorable" da cita, constituída "nun dos mellores torneos deste tipo". O Alcalde, Evencio Ferrero, felicitou o bo labor das Escolas Luís Calvo, lembrando que a oferta das escolas deportivas de Carballo é moi ampla e abrangue moitos deportes. Desexou que "a calidade deportiva que hai se vexa reflectida nos partidos", especialmente nun torneo "de alto nivel competitivo con xogadores e equipos que deixaron pegada dende os comezos". Por último, espera que as persoas que se despracen a Carballo con motivo do torneo poidan desfrutar do espectáculo, das Festas de San Xoán, da vila e da Costa da Morte.

Os interesados e interesadas poden descargar o cadro de enfrontamentos nesta mesma nova.

Compartir: