Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Circuíto de Motor de Carballo acolle a...

DOMINGO 20 DE XUÑO A PARTIRES DAS 11.00 HORAS

O Circuíto de Motor de Carballo acolle a terceira proba do Campionato Galego de Quadcross

Mércores 16 de xuño do 2010

O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, subliña que esta proba é un signo máis de que se cumpriu o obxectivo proposto coa posta en marcha do Circuíto de Bértoa: "que todas as especialidades deportivas de motor teñan cabida no mesmo espazo". Dende Ecoquad Galicia tamén expresan a súa intención de conseguir que o ano que vén poidan acudir máis pilotos e solicitou a colaboración de todas as persoas implicadas na celebración das probas para que se consiga unha maior participación, o que permitirá que as citas continúen a celebrarse. No que respecta ao estado do circuíto, dende a organización aseguran que está nas mellores condicións e que tan sólo restan algúns retoques de cara ao domingo 20 debido ás choivas. Respecto da infraestrutura, resaltan que se manteñen os materiais empregados na disputa da proba do Campionato de España, unha circunstancia que, segundo o xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García Bello, fala en favor da boa organización desta cita e das que se teñen celebrado até o de agora.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliña os excelentes resultados que ten dado até o de agora a posta en marcha do Circuíto de Motor a pesares do pouco percorrido que se leva camiñado, xa que en xullo cúmprese un ano dende a súa posta en marcha. Para o Alcalde "é unha satisfacción ver cumprido o obxectivo de facer posible a convivencia dos distintos deportes de motor", pero tamén o é ver "a resposta do público". Así mesmo, dende Ecoquad Galicia quixeron resaltar o alto nivel do trazado e as características do circuíto, que segundo os pilotos que se teñen desprazado ata Carballo para competir, está entre os mellores de España. Ao longo do ano 2010 está previsto que o Circuíto Municipal de Motor de Bértoa acolla un total de nove probas de diferentes disciplinas e campionatos, superando o número de carreiras celebradas en 2009. O ano pasado supuxo a recuperación para a competición deste circuíto, que levaba sen acoller probas dende o ano 2003. O aproveitamento das instalacións está cumprindo até o de agora as expectativas iniciais e rexistrando unha notable asistencia de público na maioría das citas disputadas.

Compartir: