Inicio Carballo ao día Hemeroteca Marica Campo recolleu na Alcaldía o VI...

O ARTIGO PUBLÍCASE A PARTIR DO SÁBADO 12 DE XUÑO

Marica Campo recolleu na Alcaldía o VI Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores

Venres 11 de xuño do 2010

Un premio ao que a autora xa se tiña presentado o ano pasado e que Marica Campo describe como "moi importante porque axuda a crear conciencia, a única que pode rescatar o galego da situación na que está". Segundo o xurado, o recoñecemento de "A procura do tesouro" débese á súa capacidade para atraer públicos diversos, con niveis de lectura diferentes; ao seu contido de valor intrínseco, desde as raíces até o futuro; á súa calidade lingüística e literaria, cunha metaforización exacta, nun artigo de estrutura circular e con conexión con modalidades literarias tanto cultas como populares. O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo "Por unha Galiza neofalante", do autor Marcos Abalde Covelo, que xa recibiu tamén un accésit na edición anterior do certame. O accésit concédeselle pola capacidade de empatía que o artigo ten co público lector xuvenil.

O xurado do VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa, redactora da revista Tempos Novos; María Pilar García Negro, profesora de Filoloxía da Universidade da Coruña e gañadora da edición 2009 do certame; Xesús Fraga, xornalista de La Voz de Galicia, escritor e gañador da edición 2008 do certame; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto. Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita. Nas cinco edicións anteriores deste certame foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga ou María Pilar García Negro.

En canto aos medios de comunicación que publicarán o artigo gañador na fin de semana do 12 e 13 de xuño (no caso dos medios diarios), e a partir desa data nos medios semanais ou mensuais, son:

  • A Nosa Terra
  • A Peneira
  • Diario de Bergantiños
  • El Periódico de Bergantiños-Radio Líder
  • Galicia Hoxe
  • La Opinión de A Coruña
  • La Voz de Galicia
  • Longa Lingua
  • Tempos Novos
  • Vieiros
  • Xornal de Galicia

Compartir: