Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un total de 200 persoas asisten ás V...

O DIRECTOR DO INEGA ABRIU AS PONENCIAS

Un total de 200 persoas asisten ás V Xornadas de Enerxías Renovables e Aforro Enerxético

Venres 28 de maio do 2010

Eliseo Diéguez ofreceu un panorama xeral da situación das enerxías renovables en Galicia e das súas perspectivas de futuro. Hoxe en día, as enerxías inesgotables máis aproveitadas son a hidráulica e a eólica, e estanse dando os primeiros pasos para xeneralizar a solar e estudar as posibilidades doutras como a xeotérmica ou a oceánica. Nestes momentos, as enerxías renovables constitúen o 45,5% da electricidade neta producida en Galicia, e dende o ano 2000 tense producido unha importante evolución crecente. O Plan Enerxético Estratéxico 2010-2015 que está nestes momentos en proceso de elaboración, ofrece as claves de futuro, que pasan pola potenciación da enerxía solar, tanto fotovoltaica como térmica, ou da eólica e a biomasa. Así, a masa forestal galega medra catro veces máis que a dos países nórdicos europeos, uns dos que máis biomasa producen.

Por outra banda, os recursos hídricos galegos están case esgotados, pero no futuro abriranse liñas de investigación para estudar as potencialidades da enerxía do mar, "un grande recurso", en verbas de Eliseo Diéguez. Tamén é preciso investigar a enerxía xeotérmica, "con grandes posibilidades en Galicia". O Plan Enerxético prevé duplicar de aquí a 2015 a productividade da enerxía eólica e a solar fotovolcaica; practicamente triplicar a da biomasa e biodiesel; e pasar de 40.000 a 175.000 metros cadrados de enerxía solar térmica. En todo caso, para o Director do Inega "as enerxías renovables son fundamentais no mapa enerxético". Despois da inauguración, Eliseo Diéguez e outras autoridades visitaron a carpa instalada no aparcadoiro do Pazo da Cultura na que hai varios stands de empresas relacionadas co sector, ademais da exposición do Inega 'Un mundo de enerxía', que están visitando por quendas escolares da vila.

Na inauguración das xornadas tamén estiveron presentes o Vicepresidente da Deputación, Pablo Villamar, o Xefe Territorial de Cultura, Manuel Varela, o Deputado provincial Xan Sande, o Tenente de Alcalde e Concelleiro de Medio Ambiente, José Antonio Viña, ademais de numerosos membros da corporación. Na xornada inaugural falouse nas ponencias do 'Marco lexislativo para o deseño e instalacións de sistemas de enerxía solar', das 'Axudas á implantación de sistemas de enerxías renovables', o uso do biodiesel ou a enerxía solar fotovoltaica, entre outros temas. Os interesados e interesadas en consultar as actividades previstas para a fin de semana, poden facelo descargando o programa en pdf nesta mesma nova.

Compartir: