Inicio Carballo ao día Hemeroteca A escritora Marica Campo gaña o VI Premio...

DOTADO CON 1.200 € E A PUBLICACIÓN EN ONCE MEDIOS

A escritora Marica Campo gaña o VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2010

Venres 28 de maio do 2010

O accésit concedeuse pola capacidade de empatía que o artigo ten co público lector xuvenil, no que se fai unha análise rigorosa, orixinal e certeira da situación sociolingüística achegando aspectos novidosos e propostas atractivas e optimistas. Por estas razóns, o xurado recomendarlles aos medios de comunicación colaboradores a publicación tamén destoutro artigo. O xurado do VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa, redactora da revista Tempos Novos; María Pilar García Negro, profesora de Filoloxía da Universidade da Coruña e gañadora da edición 2009 do certame; Xesús Fraga, xornalista de La Voz de Galicia, escritor e gañador da edición 2008 do certame; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto.

Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita. O xurado agradécelles a todos/as os/as autores/as a súa participación e sinala que "a lectura do conxunto dos artigos é unha radiografía da visión sociolingüística do país, onde se percibe unha auténtica dor social pola situación do idioma e polas medidas regresivas que se están comezando a dar desde o goberno galego", mais tamén sinala que "tamén se perciben ansias por traballar na defensa da lingua, así como propostas positivas e orixinais na procura de avances para o galego". O artigo gañador publicarase nos medios de comunicación colaboradores nas próximas semanas, en datas que se anunciarán en breve.

Nas cinco edicións anteriores deste certame foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga ou María Pilar García Negro. Marica Campo (O Incio, 1948). Exerceu de mestra en varios centros até a súa xubilación voluntaria no IES de Guitiriz, onde foi profesora de lingua galega. É autora de poesía, narrativa e teatro e colabora habitualmente no semanario A Nosa Terra e no diario El Progreso de Lugo. A súa obra tanto poética como narrativa recibiu diversos premios de grande importancia na literatura galega.

Compartir: