Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello xa prepara a celebración do...

ABERTO O PRAZO PARA ANOTARSE NUNHAS XORNADAS SOBRE O PAN

O Concello xa prepara a celebración do Feirón de Verán e da vindeira Ruta do Pincho no mes de agosto

Xoves 27 de maio do 2010

Tamén os hostaleiros e panadeiros de Carballo están a traballar nunhas xornadas dedicadas ao pan e á gastronomía típica da zona, que se celebrarán durante unha fin de semana do mes de setembro, para a que xa está aberto o prazo ata o vindeiro 1 de xuño para os locais e panaderías interesadas en participar no evento. Trátase dunha cita máis para promocionar a marca 'Pan de Carballo', como a propia festa do pan, a celebración do festival Panxea ou a presenza deste produto, representativo de Carballo, nos Feiróns de Tempada, entre outras actuacións. O proceso de creación da marca 'Pan de Carballo' púxose en marcha en 2006. Naquel entón 13 establecementos do municipio adscribíronse á marca co obxectivo de proporcionarlle un distintivo de calidade ao produto grastronómico máis representativo do municipio.

Respecto dos Feiróns de Tempada, celébranse dende o ano 2008 cando o Concello, en colaboración cos diversos sectores empresariais da zona, decidiu promover os catro Feiróns que se celebran ao longo do ano, que xeralmente coinciden coas estacións de Primavera, Verán, Outono e Inverno. Así, coincidindo co mercado dos quintos domingos de mes, os visitantes poden coñecer a oferta agroforestal, comercial e industrial das empresas do municipio e desfrutar dela. Dentro deste marco inclúese a iniciativa Merca-do-bo, na que se potencian os hábitos de vida saudable (dentro do programa Carballo Saudable) potenciando o consumo de produtos frescos e da terra, relacionando o mercado tradicional e a dieta atlántica para acadar unha alimentación sa.

Para inscribirse ben na III Ruta do Pincho ou nas xornadas gastronómicas dedicadas ao pan, os establecementos interesados poderán informarse na Oficina de Información Turística de Carballo (Museo de Bergantiños, Rúa Martín Herrera nº 8 ) ou no teléfono 981 702 077.

Compartir: