Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle a IV Xira Galega de Karting entre...

NO APARCADOIRO DO CCB-HALEY

Carballo acolle a IV Xira Galega de Karting entre o xoves 27 e o domingo 30 de maio

Martes 25 de maio do 2010

O horario de apertura do circuíto é o xoves e o venres de 10.00 a 14.00 horas só para escolares, que poden acudir de balde grazas á colaboración do Concello de Carballo, que quere deste xeito fomentar a seguridade vial e "a aprendizaxe na condución, divulgando e educando", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero. Este ano, o circuíto mantén as novas medidas de seguridade introducidas o ano pasado, como é o control remoto nos karts para nenos e nenas de 8 a 12 anos, co obxectivo de evitar accidentes. Ademais o circuíto conta con sistema de cronometraxe informático, 24 karts, zona paddock, boxes, taller mecánico, carpas de recepción, megafonía, actividades dinamizadoras e toda a sinalización pertinente. O horario oficial para o público en xeral é, polas mañás, sábado e domingo de 12.00 a 14.00 horas; e polas tardes, de xoves a domingo de 17.00 a 22.00 horas.

Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, subliñaron a importancia da Xira Galega para aprender educación viaria precisamente no marco da grande afección que existe no municipio polo mundo do motor, unha afección que se ve reforzada nos últimos tempos grazas á celebración de numerosas probas no Circuíto do Motor de Bértoa. Tamén resaltaron que os karts supoñen un atractivo máis para favorecer a atracción de xente á capital municipal. Na presentación da Xira tamén estiveron presentes a súa directora, Raquel González; o subdirector do CCB-Haley, Alfonso Pardo; e a responsable de marketing de Gadisa. Todos eles agradeceron ao Concello de Carballo o apoio que ten ofrecido á celebración da Xira Galega de Karting, que visita Carballo por cuarto ano consecutivo "nunha actividade de lecer para toda a familia". A inauguración da Xira en Carballo é o xoves 27 de maio a partires das 12.00 horas no aparcadorio do CCB-Haley.

Compartir: