Inicio Carballo ao día Hemeroteca A consultora Nor Data Solutions SL, galardoada co...

2º E 3º PREMIO: TRANSFORMACIONES BERGANTIÑOS E IMPERIO DAMA

A consultora Nor Data Solutions SL, galardoada co 1º Premio Carballo Emprende a Ideas Empresariais

Venres 21 de maio do 2010

Os premios teñen sido presentados polo Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, e entregados por Gonzalo Ortiz Amor, Director Xeral da Cámara da Coruña; e por Evencio Ferrero, Alcalde de Carballo. Estes últimos subliñaron na clausura das Xornadas Carballo Emprende a importancia de contribuír á creación de novos negocios en tempos de crise. Ortiz Amor reflexionou sobre a situación financeira actual, que dificulta a concesión de créditos para levar a cabo novos proxectos e resaltou a importancia de crear iniciativas que faciliten a emprendeduría. O Alcalde desexou que sigan xurdindo novos proxectos que contribúan a que a ampliación do Polígono de Bértoa, a piques de inaugurarse, se encha con novos proxectos e empresas. Pero antes da clausura, Jesús Ferradás González, presidente de Optimer e Consultor ESIC, afondou aínda máis nas claves da situación económica actual coa ponencia "As decisións críticas na empresa en tempos de crise". Nela, instou aos emprendedores a que non se acomoden en modelos de negocio obsoletos e que afronten con novos azos a conxuntura financeira, sen renderse e preparándose para innovar.

Na súa conferencia explicou que a crise non é de custos, senón de ventas, polo que as empresas necesitan incrementar o seu volume de operacións. Recomendou ofrecer unha nova perspectiva, eliminando todo aquilo que non sexa produtivo, e remarcou a necesidade de enfocar ben calquera negocio, definindo o perfil do cliente pero sen rebaixar os prezos. Así, a clave é atopar o 'target' axeitado cambiando os modelos de organización "adaptando a estratexia empresarial á nova realidade económica". Para sobrevivir á crise, engade, é importante apostar pola creatividade, actuando con prudencia pero sen quedarse parados. Por outro lado, animou ás empresas a contar cun plan de negocio ou folla de ruta que lles permita atraer clientes e manter prezos. "Non temos sido prudentes e non temos feito os deberes. Limitámonos a presumir dunha bonanza económica que se sabía que era sobredimensionada", puntualizou. Segundo o experto, as claves para que unha Peme sobreviva no novo escenario son: fixar un obxectivo claro, desinvestir no que non funciona, investir en ventas e rodearse dun equipo de calidade.

Compartir: