Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo e Caixa Galicia ofrecen...

INSCRICIÓNS ATÉ O 2 DE XUÑO

O Concello de Carballo e Caixa Galicia ofrecen formación sobre plans de empresa e micro créditos

Xoves 20 de maio do 2010

A actividade permitirá que os asistentes tamén reciban unha aplicación informática para elaborar o plan de empresa e analizar a viabilidade económica e financeira dos seus proxectos. Complementarase este apoio cunha titoría individual de asesoramento empresarial por alumno ao finalizar o curso. Mediante esta acción formativa, ofrécese un apoio integral que combina a formación, o asesoramento empresarial e que ademais facilita o acceso ao financiamento en condición preferentes para aqueles proxectos que sexan viables. No ano 2009, a Obra Social Caixa Galicia proporcionou formación a 90 persoas emprendedoras, e máis de 50 elaboraron o seu Plan de Empresa. Os Micro créditos Caixa Galicia están dirixidos a persoas sen acceso ao financiamento bancario por insuficiencia de garantías ou avais. Pódese solicitar até un importe máximo de 25.000 euros, cun tipo de interese do 4% fixo e cinco anos de amortización con 6 meses de carencia opcionais. O curso desenvólvese no marco do Programa de Fomento do Emprego Autónomo e Micro créditos da Obra Social Caixa Galicia e ten como obxectivo fomentar a actividade produtiva e a xeración de emprego, especialmente nunha conxuntura de crise como a actual.

O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, subliñou a importancia desta iniciativa, especialmente no marco das xornadas Carballo Emprende, que se están celebrando estes días. Neste caso o curso "combina o acceso ao crédito con algo moi importante, como é a formación e a capacitación profesional". O Alcalde, Evencio Ferrero, resalta a importancia de que en tempos de crise unha institución como Caixa Galicia ofreza acceso ao financiamento, "un dos principais problemas á hora de poñer en marcha un proxecto empresarial". Engadiu que a iniciativa tamén foi canalizada a través da área de Benestar do Concello "para que poidan acceder aos micro créditos as persoas que teñen máis difícil acceder do xeito tradicional". Na presentación do curso tamén estiveron presentes José Antonio Rega, da Obra Social Caixa Galicia; e Javier Pérez, Director da Oficina Principal de Caixa Galicia en Carballo, que subliñaron a importancia da colaboración entre a institución e o Concello, especialmente en temas de formación e emprego.

Compartir: