Inicio Carballo ao día Hemeroteca As Escolas Deportivas e Culturais Xiria e o...

A INICIATIVA CREA 10 EMPREGOS DIRECTOS E 10 INDIRECTOS

As Escolas Deportivas e Culturais Xiria e o programa Concilia colaboran para facilitar a unión da vida laboral e familiar

Sábado 22 de maio do 2010

Os responsables desta iniciativa, a Concelleira de Benestar, Dores Silveira; o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; e o Director das Escolas, Marcos Rodríguez, subliñan o seu éxito, que se viu reflectido o ano pasado coa participación de 203 nenos e nenas, e este ano volve haber unha oferta de arredor de 200 prazas. Ademais, dende Xiria subliñan o feito de que, grazas a esta iniciativa e en tempos de crise, favorécese a creación de 10 postos de traballo directos, e outros 10 indirectos a través das empresas que colaboran coa posta en marcha das actividades das Escolas. Marcos Rodríguez resalta, así mesmo, o feito de que as actividades non se centren na práctica do balonmán, senón que se amplíen a unha oferta lúdica que pode incluír clases de inglés ou informática ou manualidades, coa novidade este ano da creación dun grupo de teatro. Tamén explicou que as excursión irán dirixidas a fomentar a camaradería entre os rapaces e valores como o respecto polo medio ambiente.

Dores Silveira lembrou que o programa Concilia leva en marcha tres anos e medio e que non ten deixado de ampliar os seus servizos, ata chegar neste ano 2010 a ofrecelo tamén durante o verán "co obxectivo de axudar a superar as dificultades que existen en moitos casos para conciliar a vida laboral e familiar". Subliñou que os usuarios habituais do Concilia durante todo o ano, dos que xa están anotados 19, poderán obter descontos especiais para participar nas escolas. Marcos Trigo fixo fincapé no feito de que as Escolas chegan xa á súa edición XVII, e en que Xiria ten ido mellorando pouco a pouco o servizo para integrarse nas demandas da sociedade. Por último, o Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou o feito de que en Carballo existan varias escolas e campus que permiten que os rapaces se relacionen co deporte e coa cultura durante o verán e felicitou a Xiria por "institucionalizar e profesionalizar as Escolas como unha garantía de éxito e de continuidade".

Os interesados e interesadas en obter máis información sobre os prezos, as condicións, as inscricións ou as actividades das Escolas Deportivas e Culturais Xiria, poden consultar o tríptico informativo nesta mesma nova.

Compartir: