Inicio Carballo ao día Hemeroteca A primeira xornada de Carballo Emprende...

ENTREGA DOS PREMIOS AO FOMENTO EMPRESARIAL E A EMPRENDEDURÍA

A primeira xornada de Carballo Emprende céntrase nas claves para a creación e consolidación de empresas

Mércores 19 de maio do 2010

Os emprendedores que ocupan actualmente o Viveiro de Empresas carballés, así como outros empresarios da zona, escoitaron as claves para impulsar e consolidar os seus proxectos. Dende a Fundación Incyde, Ángel Colomer realizou unha defensa dos emprendedores e subliñou a necesidade de "loitar contra o estigma do fracaso". A Fundación creouse en 1999 e o seu principal obxectivo é o "apoio ás empresas nos seus 2 ou 3 primeiros anos de vida", especializándose na formación e na realización de programas que teñen contribuído a crear unhas 6.000 empresas e a formar arredor de 30.000 persoas. Así mesmo, Incyde ten participado na creación "da maior rede de viveiros empresariais de Europa", segundo Colomer, atendendo a uns 2.500 viveiristas. Na Fundación traballan 20 persoas "coa idea de que todo aquel que queira poñer en marcha unha empresa o teña un pouquiño máis sinxelo", grazas á formación e á atención individual. Por todo isto, Ángel Colomer pediulles aos viveiristas de Carballo "que nos usen", para evitar que "un mal enfoque do negocio" ou "os problemas financeiros" rematen cunha empresa antes de tempo.

O Director Xeral da Cámara de Comercio de Oviedo, Pedro Rodríguez Menéndez, tamén fixo fincapé na necesidade de que os empresarios "loiten cada día para emprender e saian das mensaxes derrotistas". Para Rodríguez Menéndez "en momentos de especial dificultade económica" existen tres claves para conseguir que un proxecto empresarial teña éxito: "ofrecer algo distinto e innovador"; ter en conta a formación en materias como a xestión, o marketing, a comercialización e as novas tecnoloxías; e por último prestar atención ao desenvolvemento comercial "tratando de abrir novos mercados". O responsable da Cámara de Comercio tamén animou aos viveiristas a que "usen os programas" que teñen á súa disposición a través da Cámara a través dun "sistema integral de asesoramento", para conseguir un proxecto consolidado. Como exemplo dun deses proxectos, a xornada contou coa presenza de Guillermo González Menéndez, xerente da empresa Ewan Clothing, un viveirista de Avilés que compartiu as súas experiencias na creación dunha empresa de venda de roupa urbana 'urban wear', especialmente a través de Internet.

Hoxe, xoves 20 de maio, chega o peche de Carballo Emprende coa sesión "As decisións críticas na empresa en tempos de crise", que impartirá Jesús Ferradás González, presidente de Optimer e consultor formador de ESIC. Ás 21.00 horas farase entrega dos III Premios Carballo Emprende.

Compartir: