Inicio Carballo ao día Hemeroteca A exposición de banda deseñada...

PROGRAMA DAS LETRAS 2010

A exposición de banda deseñada 'Viñetas descubertas' e 'Miña terra galega' permanece no Pazo da Cultura até o 30 de maio

Martes 18 de maio do 2010

'Viñetas descubertas' e 'Miña Terra Galega' ten estado xa, de man da Consellería de Cultura, nos concellos de Ribadumia, O Rosal e Outes, para pasar dende Carballo a Ordes, Santiago, Laracha, Valdoviño, Cervo, Viveiro, Foz, Guitiriz, As Pontes, Palas de Reis, Betanzos, Melide e Cea. Deste xeito completarase a itinerancia iniciada en 2009, no que esta escolma da banda deseñada galega viaxou aos concellos de Taboada, Arzúa, Quiroga, Chantada, A Teixeira, Vilar de Barrio, Bóveda, Verín, Monforte e Celanova. A exposición 'Viñetas descubertas' recolle unha panorámica da obra realizada polos autores gañadores dos galardóns máis importantes desenvolvidos entre os anos 2000 e 2008 en Galicia. Inclúe unha representación do traballo de autores como Marcos Calo, Mariano Casas, Cosme, Jano, Juan Luis Pérez, Martín Romero, Antonio Seijas, David Rubín (encargado da elaboración do cartel oficial de FICOMIC 2009) e Jacobo Fernández.

Doutra banda, a mostra 'Miña Terra Galega' resume a visión de oito dos nosos creadores mais destacados actualmente en activo na nosa terra sobre os tópicos, verdades comunmente asumidas e temas relacionados con Galicia, desde os máis ou menos socorridos como a choiva, a paisaxe ou o marisco ata os menos tratados, como a música ou as fantasías populares. Diego Blanco, Manel Cráneo, José Domingo, Alberto Guitián, Emma Ríos, Kiko da Silva, Iván Suárez e Alberto Vázquez son os autores representados na mostra a través de historietas de cinco páxinas creadas expresamente para o certame FICOMIC de Barcelona. Esta exposición forma parte dun proxecto para impulsar a presenza do cómic galego nas feiras nacionais e internacionais, fomentar as axudas aos creadores, favorecer a política de adquisición de exemplares destinados ás bibliotecas, a crear actividades de promoción co obxecto de crear hábitos de lectura de banda deseñada.

Compartir: