Inicio Carballo ao día Hemeroteca O novo Centro Social de Imende nace para...

O SUBDELEGADO DO GOBERNO ASISTIU Á INAUGURACIÓN DO EDIFICIO

O novo Centro Social de Imende nace para converterse nun "espazo aberto a todos os veciños e veciñas de Baldaio"

Sábado 15 de maio do 2010

O novo Centro Social de Imende conta con salón de actos, unha biblioteca, unha sala de actividades para maiores e despachos para todas as asociacións que desenvolven a súa actividade no entorno. O edificio, que xa dispón dalgún equipamento como libros infantís ou aparellos para facer ximnasia, está distribuído en dous andares e contou cun orzamento construtivo de 180.000 euros. A Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, afirma que xa se teñen realizado contactos coas asociacións implicadas para que comecen a por en marcha actividades e auto regulen a utilización do Centro Social. Os veciños e veciñas manifestaron a intención de que as novas instalacións poidan "darlle un enfoque distinto ao tempo de lecer", permitindo a presenza de cativos e maiores no novo espazo. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou que se trata dun edificio "para toda a familia e para todas as familias". Dirixiuse ás asociacións para dicirlles que teñen "a responsabilidade de conseguir o mellor aproveitamento deste espazo" e resaltou que as novas instalacións constitúen un motivo de "orgullo".

Ademais do Subdelegado do Goberno e o Alcalde de Carballo, a inauguración contou coa presenza do Tenente de Alcalde, José Antonio Viña; da Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro; e de numerosos membros da corporación que non quixeron perderse un acto amenizado pola Banda de Gaitas Municipal e o acordeonista local José Vázquez, que rendeu homenaxe a dúas cantareiras da parroquia. Evencio Ferrero subliñou na súa intervención a importancia "da necesaria colaboración entre as administracións", a local e a do Estado, para conseguir a construción do edificio, realizado por Construciones Baldayo con traballadores da zona. O Alcalde tamén mencionou os momentos de dificultades durante o desenvolvemento das obras pero "consideramos que os veciños e veciñas merecíades o mellor local posible". Ferrero subliñou a creación nos últimos meses dunha rede de centros sociais nas parroquias, tendo sido inaugurados xa os de Berdillo, Sofán e Imende, e a piques de selo os de Oza e Cances, "buscando un equilibrio entre o casco urbano e as parroquias". Por último, o Alcalde ofreceu a colaboración do Concello para contribuír ao funcionamento do novo Centro Social.

Compartir: