Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo festexa o Día das Letras co...

CÁNDIDO PAZÓ PRESENTA 'HISTORIAS TRICOLORES' O VENRES 14

Carballo festexa o Día das Letras co tradicional maratón de lectura 'As letras en voces' e co concerto da Banda Municipal

Venres 14 de maio do 2010

O luns 17, Día das Letras, a xornada comeza co xa habitual maratón de lectura 'As letras en voces', un dos actos de maior relevancia dos que organiza o Concello dentro da programación dedicada ás Letras, tanto pola súa tradición como polo número de persoas que participan no mesmo. Con esta actividade, lémbrase a obra dos escritores que foron homenaxeados no Día das Letras Galegas e réndese un recoñecemento á lingua galega como vehículo de expresión e creación e como un dos expoñentes esenciais da nosa cultura, involucrando a un grande número de cidadáns de Carballo e dos seus representantes culturais, sociais, políticos e económicos. O acto iníciase ás 10.30 horas coa Banda Municipal de Gaitas, que dirixe Jesús Moreira, e a continuación comezará a quenda de lecturas por parte dos representantes dos distintos grupos políticos municipais.

A continuación será a quenda de todas aquelas institucións e veciños que desexen participar coa lectura, dun fragmento literario de calquera dos corenta e sete autores aos que foi dedicado o Día das Letras Galegas e que seleccionará o propio lector. A actividade remata ás 15.00 horas. Para realizar a reserva de horario, poden poñerse en contacto coa Concellería de Cultura (Pazo da Cultura, teléfono 981 704 300, enviando un fax ao número 981 704 302 ou un correo electrónico ao enderezo electrónico <cultura@carballo.org)>. Nesta xornada estará presente de novo a música co tradicional Concerto das Letras da Banda de Música Municipal de Carballo, no Pazo da Cultura ás 20.00 horas, baixo a dirección de Vicente Pérez Planells.

Hai que lembrar tamén que dentro do Programa das Letras inclúense as actividades que organizan as distintas asociacións do municipio. Así, o sábado 15 ás 21.00 horas no Pazo da Cultura, o grupo de teatro afeccionado do Coro Vagalume de San Cristovo estreará dúas divertidas pezas teatrais 'O testamento do Tío Nacho' e 'Patiño'. Para asistir a estas representación será preciso presentar unha invitación. O luns 17 desde as 11.00 horas, desenvólvese así mesmo a XXX Edición do Concurso de Pintura Luís Calvo, unha cita co debuxo e a pintura dirixida sobre todo aos máis cativos/as, que organiza a Asociación Cultural Lumieira na Praza do Concello, e que cumpre nesta ocasión 30 anos do seu nacemento.

Os interesados e interesadas en obter máis información sobre o Programa das Letras, poden descargar o programa en pdf nesta mesma nova.

Compartir: