Inicio Carballo ao día Hemeroteca As Xornadas de Enerxías Renovables...

ENTRE O 28 E O 30 DE MAIO NO PAZO DA CULTURA

As Xornadas de Enerxías Renovables regresan co obxectivo de crear oportunidades de negocio e de emprego

Xoves 13 de maio do 2010

Ademais de manter a súa alta calidade, as intervencións das V Xornadas de Enerxías Renovables céntranse, segundo explica Raúl Cantorna, da xunta directiva de Axober, non só nas novidades do sector, senón tamén nunha memoria do que se ten feito até o de agora. Entre os temas, abordaranse asuntos coma o marco lexislativo, as axudas existentes, as alternativas de alta eficiencia nos paneis solares ou do futuro do biodiesel. Tamén está previsto que as conferencias falen da Axencia Enerxética Provincial, das bombas de calor, das enerxías xeotérmica e mariña, do modelo de Sogama, da sustentabilidade, das claves da Conferencia de Copenhague e a súa influenza nas estratexias enerxéticas e, por suposto, da enerxía solar térmica e fotovoltaica. O programa recolle a participación de máis dunha ducia de expertos de recoñecido prestixio, algúns deles vellos coñecidos das xornadas, como o enxeñeiro Raúl Zorita Díaz, e con especialistas de fabricantes como Saunier Duval, Baxi Roca, Sonnenkraft ou Gas Natural. Todas as intervencións terán lugar no salón de actos do Pazo da Cultura.

O Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou durante a presentación da actividade, na que tamén estivo presente o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, a importancia de que Carballo se converta unha vez máis "nun lugar de encontro para o aforro enerxético e as enerxías renovables". Lembrou que o Concello ten emprendido nos últimos tempos numerosas accións neste sentido, como a implantación de paneis solares para o subministro enerxético das piscinas municipais; e ten pensado seguir actuando no futuro, con actuacións como a optimización da rede de alumeado público municipal ou a modificación do sistema de depuración da piscina Vila de Noia. Subliñou o "extraordinario futuro do mercado do aforro enerxético e o medio ambiente" e desexou que estas xornadas constitúan "ese lugar onde aparezan novas oportunidades para os empresarios".

Ademais do Concello de Carballo, patrocinan as Xornadas a Consellería de Industria, o Inega, o Igape, Sogama e a Deputación Provincial da Coruña. Os interesados e interesadas en coñecer o programa completo das xornadas, poden facelo nesta mesma nova.

Compartir: