Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os servizos de emerxencia retiraron 140...

BALANCE PROVISIONAL

Os servizos de emerxencia retiraron 140 árbores de vías públicas no municipio durante o temporal

Luns 26 de xaneiro do 2009

Poren, téñense observado danos nos seguintes edificios: na cuberta do colexio Xesús San Luís Romero; no valado metálico de separación entre o colexio Fogar e o parque do Chorís; no tellado da cantina do campo das Eiroas; desprendéronse parte das placas dos laterais do pavillón polideportivo do IES Parga Pondal; e hai danos, así mesmo, na cuberta e fiestras da base de Protección Civil. Nestes momentos os peritos aínda están contabilizando os danos para que o Concello poida acollerse ao decreto de axudas da Xunta de Galicia.

O Concello de Carballo quere subliñar que o sábado pola mañá xa estaban abertas ao tráfico tódalas vías principais do municipio. Así, os servizos de emerxencia actuaron en primeiro lugar nas estradas de máis intensidade de circulación -nas vías que conectan os principais núcleos de poboación e as parroquias- para logo acometer xa os traballos noutras pistas. Nestes momentos continúan os labores nunha segunda fase, coa retirada de restos nas cunetas e de polas e outros residuos que poden ser perigosos.

No que respecta ao tendido eléctrico, nestes momentos o Concello conta con dúas empresas que están reparando a rede de alumeado público, que resultou moi danado polo vento. O Concello solicita aos veciños que dean parte dos focos que resultaron danados, que serán substituídos en próximos días e á maior brevidade. Respecto ao subministro nos fogares e edificios e negocios particulares, as reclamacións e consultas deben dirixirse á compañía eléctrica correspondente. O teléfono de Unión Fenosa é o 901 40 40 40. Por último, a administración local quere pedir desculpas aos veciños e veciñas polos posibles trastornos ocasionados polo temporal.

Compartir: