Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello e Caixanova colaboran na posta en...

MÚSICA E TEATRO PARA NENOS E NENAS DE INFANTIL E PRIMARIA

O Concello e Caixanova colaboran na posta en marcha dun programa cultural para escolares

Xoves 22 de xaneiro do 2009

A primeira das actividades ten lugar o mércores 28 de xaneiro en horario de 10.00 a 12.00 horas en forma dun concerto de música popular galega dos Gaiteiros da Xistra titulado 'Compañeiro sei tocare..., e ti?'. Dirixido a rapaces e rapazas de segundo ciclo de Primaria, o obxectivo do concerto é que o alumnado emprenda un camiño didáctico no que se familiaricen coa música de copleiros e cantareiras, ou mesmo das murgas.

O programa continúa o 4 de febreiro co teatro e a obra 'Marco Polo' de Teloncillo. Para nenos e nenas de terceiro ciclo de Primaria, conta a historia das viaxes deste pioneiro explorador italiano, que estivo percorrendo o mundo durante 25 anos chegando ata a China. O 24 de marzo continúa o teatro con La Baldufa e o seu 'Lío en la granja'. Neste caso para alumnado de primeiro ciclo de Primaria, aborda temas como a tolerancia ou a inmigración. Por último, o peche é o 21 de maio con 'El gran traje' de Lasal Teatro, para nenos e nenas de Infantil.

Ademais dos rapaces e rapazas de Carballo, o alumnado dalgún dos centros escolares da Laracha tamén poderá asistir a algunha das funcións. Así mesmo, os colexios interesados poderán solicitar a través das oficinas de Caixanova visitas guiadas en horario lectivo ao Centro Social da entidade en Vigo para ver a súa exposición permanente ou o centro interactivo de educación ambiental Naturnova. Ao fin, son todas actividades "moi valoradas" e froito dunha colaboración "con moitas liñas abertas e que esperemos que se siga mantendo no tempo", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero.

Compartir: