Inicio Carballo ao día Hemeroteca O orzamento para 2009 supón un incremento...

OS INVESTIMENTOS REAIS ACHÉGANSE AOS 10 MILLÓNS

O orzamento para 2009 supón un incremento dun 25 por cento respecto ao do exercicio anterior e supera os 26 millóns de euros

Venres 16 de xaneiro do 2009

Examinando as contas polo miúdo, no apartado de ingresos hai que resaltar a suba nun 130 por cento das transferencias de capital, grazas á achega dos orzamentos do Estado, con 1,8 millóns de euros para o mercado municipal, e con 1,2 millóns dos fondos Feder para o proxecto Forum Carballo no barrio da Milagrosa. No apartado de gastos, destaca o xa mencionado capítulo 6 de investimentos reais, cun importe de 9.999.850 euros. Na relación de proxectos, ademais da Casa dos Oficios e do mercado, resalta a mellora da Travesía de Malpica, con 1.147.291 euros.

Outras actuacións son a creación dun Edificio de Usos Múltiples no polígono de Bértoa ou a mellora das zonas de ocio da capital municipal, coa creación de parques infantís na praza dos Xulgados ou no entorno do CEIP Bergantiños. Así mesmo, as partidas recollen consignacións para a creación dunha Galescola e para a mellora das instalacións culturais e deportivas do municipio. O Alcalde tamén resalta que "unha administración local ten que dar pasos para atender á xente", o que exemplifica no feito de que "en 2003 había unha soa persoa para o servizo de axuda no fogar, mentres que en 2009 hai 14".

Por último, tanto Vázquez como Ferrero subliñan "a boa saúde financeira do Concello de Carballo", que conta cun nivel de endebedamento do 4,6 por cento, "moi por debaixo da media de concellos semellantes", en verbas do Alcalde. De aí a confianza para abordar unha operación de crédito de 2,5 millóns que cualifican de "moderada" e que permitirá abordar os investimentos previstos con cargo aos recursos propios do Concello.

Compartir: