Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobadas actuacións por 5,3...

SESIÓN PLENARIA EXTRAORDINARIA

Aprobadas actuacións por 5,3 millóns de euros a través do Fondo Estatal de Investimento Local

Venres 16 de xaneiro do 2009

Os proxectos incluídos no Fondo Estatal abordan melloras nas instalacións municipais, a creación de centros sociais, melloras de cara á humanización do centro da capital municipal, a creación de saneamentos e a mellora da seguridade viaria co obxectivo de transformar o conxunto urbano e rural de Carballo. Neste último aspecto, hai que subliñar a mellora da travesía de Fondal á Igrexa de Bértoa e da travesía da Brea por 307.585 e 285.185 euros respectivamente.

No ámbito de humanización do centro, destaca a urbanización de numerosas rúas, como a transformación da rúa Desiderio Varela nunha vía peonil ata o cruce coa rúa Colón por 218.222 euros; a dotación de servizos das rúas Lagoa, San José, Oleiros e Carpinteiros por 473.072 euros; a urbanización e dotación de servizos na rúa Muíño ata o cruce coa Alfredo Brañas por 365.589 e das rúas Saúde, Victoria e Cinceiro por 227.710 euros. Por último, está prevista a urbanización da glorieta do barrio da Milagrosa por 178.878 euros e a urbanización da rúa Vila de Negreira ata o cruce coa Gravador Manuel Facal por 609.049.

Os proxectos inclúen a creación de dous centros sociais un en Oza por 245.695 euros e outro en Imende por 185.167 euros; e tamén a creación de saneamentos coa implantación dunha rede de colectores e unha depuradora en Artes, por 727,913 euros. No ámbito de zonas verdes, hai que mencionar o acondicionamento do parque de Rego da Balsa na rúa Perú por 507.920 euros. Para tódolos traballos xa están redactados os proxectos, hai dispoñibilidade dos terreos e teñen un prazo de execución de nove meses como máximo, polo que todos estarán listos antes de que remate 2009.

Compartir: