Inicio Carballo ao día Hemeroteca A maxia, o teatro a música e as...

PROGRAMACIÓN ENTRE XANEIRO E ABRIL

A maxia, o teatro a música e as exposicións artellan a oferta lúdica e de ocio dos Venres Culturais

Xoves 15 de xaneiro do 2009

Os Venres Culturais principian o venres 23 de xaneiro coa chegada da música da man da Real Filharmonía de Galicia. Esa mesma fin de semana, o sábado hai un festival do 23 aniversario do Coro Aires de Bergantiños e a maxia chega o domingo con Xacobe Sanz. Pero dentro da música, continúa o ciclo de 'Canción de Autor' con nomes como o de Silvia Penide, ou o de Xabier Díaz. E tamén está o programa de 'Docespop', centrado en propostas de country, folk americano e pop, con Hendrik Röver -ex compoñente de Los Deltonos- ou Remate, na voz do músico Fernando Martínez de la Serna.

No apartado teatral, haberá tres compañías galegas e unha madrileña, coa actuación por primeira vez en Carballo de Inconstantes Teatro. 'En familia' trae monicreques e actuacións como a chegada dende Albacete con La Tirita de Teatro e 'Romeo e Xulieta'. Xa fóra de 'En familia', este ano está a novidade da proposta de teatro para bebés e tamén o de maxia para adultos con artistas como Martín Camiña. Por último, catro exposicións -incluída a do certame fotográfico Xosé Manuel Eirís- coparán as salas do Pazo ata abril.

O acceso a moitas das actuacións será de balde, e noutros casos haberá que pagar unha módica entrada de entre 2, 3 e 3,5 euros. As entradas pódense mercar en taquilla o día da función ou reservarse nas oficinas de Cultura do Pazo ou no teléfono 981 704 300 dende 15 días antes -con 4 entradas como máximo por persoa-. Tamén poderán mercarse bonos a partir do martes 20 de xaneiro. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo resaltar a "excelente" programación e agradecer á Xunta, á Deputación, á Rede Galega de Teatros e Auditorios, á Fundación Caixa Galicia e ás asociacións de Carballo a súa colaboración no programa.

Compartir: