Inicio Carballo ao día Hemeroteca Sae a concurso a adxudicación de parcelas...

PUBLICADAS NO DOG AS BASES DA CONVOCATORIA

Sae a concurso a adxudicación de parcelas da primeira fase de ampliación do parque empresarial de Bértoa

Xoves 15 de xaneiro do 2009

O uso destas parcelas será industrial de primeira, industrial ou terciario, sendo a maioría para uso industrial e o seu tamaño medio de entre 2.000 e 4.000 metros cadrados. Á hora de formalizar as adxudicacións, valorarase o interese da actividade que se desenvolverá no polígono industrial, tendo en conta o investimento previsto e o número de postos de traballo que se van crear. Terá repercusión positiva que se trate dunha empresa de nova creación ou de interese social, con prioridade se está dirixida por mulleres ou menores de 35 anos.

Así mesmo, Xestur terá en conta a conveniencia do traslado da empresa dende a súa situación actual e aquelas propostas que conten con subvencións do Igape, o Plan Leader ou iniciativas similares. O concurso tamén valora se se trata de empresas que incrementan o seu ciclo produtivo co traslado ou se suporá o relanzamento dunha industria xa asentada. Por último, terase en conta se o licitador pretende adquirir máis dunha parcela.

Por outra banda, a administración pon a disposición dos interesados e interesadas en participar no proceso a relación de axudas dispoñibles por parte de diferentes administracións, como o Igape, o Instituto de Crédito Oficial ou o Ministerio de Industria para obter subvencións ou liñas de crédito de apoio a empresas. Tamén as ordenanzas reguladoras do Plan Sectorial da Área Empresarial de Carballo. Así mesmo, nesta mesma nova, na marxe superior dereita, os interesados e interesadas poden descargar a relación de prezos e parcelas, o impreso de solicitude, as bases da convocatoria e o plano de situación dos terreos.

Compartir: