Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo destina os 5,3 millóns do Fondo...

OS INVESTIMENTOS REAIS PARA 2009 CHEGAN AOS 15 MILLÓNS DE EUROS

Carballo destina os 5,3 millóns do Fondo Estatal a 13 proxectos que crearán 122 postos de traballo

Sábado 10 de xaneiro do 2009

Entre os 13 proxectos do Fondo Estatal, destaca co orzamento máis elevado -de 993.078 euros- a reforma integral da piscina Vila de Noia, que ten 22 anos de vida, leva contabilizados máis dun millón de usos e ten 70.000 usuarios cada ano. O obxectivo é convertela nun espazo complementario que teña un spa e poida acoller a veciños e veciñas que non vaian unicamente a practicar natación. Tamén hai que subliñar a creación dunha rede de saneamento e unha depuradora en Artes, por 727,913 euros; a urbanización da Vila de Negreira ata o cruce coa rúa Gravador Manuel Facal, por 609.049 ou o acondicionamento do parque de Rego da Balsa na rúa Perú por 507.920 euros.

Completan a relación a transformación da rúa Desiderio Varela nunha vía peonil ata o cruce coa rúa Colón por 218.222 euros; a urbanización e dotación de servizos das rúas Lagoa, San José, Oleiros e Carpinteiros por 473.072 euros; a urbanización e dotación de servizos na rúa Muíño ata o cruce coa Alfredo Brañas por 365.589 e das rúas Saúde, Victoria e Cinceiro por 227.710 euros; a mellora da travesía de Fondal á Igrexa de Bértoa e da travesía da Brea por 307.585 e 285.185 euros respectivamente; a creación dun centro social en Oza por 245.695 euros e outro en Imende por 185.167; e por último a urbanización da glorieta do barrio da Milagrosa por 178.878 euros.

"Buscamos obras que supoñan un incremento do emprego, de interese municipal e que teñan equilibrio territorial", subliña o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña. Para todos os traballos xa están redactados os proxectos, hai dispoñibilidade dos terreos e teñen un prazo de execución de nove meses como máximo, polo que todos estarán listos antes de que remate 2009. Por último, Ferrero engade que "todas as obras que figuran son moi importantes para o Concello".

Compartir: