Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello retoma o programa 'Aprender para...

EDUCACIÓN

O Concello retoma o programa 'Aprender para educar' cun novo ciclo de charlas

Xoves 11 de decembro do 2008

O venres 12 de decembro o tema é 'Xente nova e seguridade vial'. Ana Cerpa falará sobre a educación vial como parte da educación social, sendo unha eficaz base de actuación cidadá. O obxectivo é tratar de crear hábitos e actitudes positivas de convivencia, calidade de vida, calidade medioambiental e de seguridade vial, incidindo na educación como peón, viaxeiro e conductor.

Ana Cerpa será así mesmo a responsable da charla sobre 'Mocidade, alcohol e condución' que terá lugar o 19 de decembro. Neste caso, o motivo central son os accidentes de tráfico, a primeira causa de morte na adolescencia e xuventude. O alcohol e en moitos casos a falta de experiencia ao volante son as principais causas dos accidentes.

O programa remata o 16 de xaneiro abordando os 'Dereitos e deberes dos adolescentes'. Carme Loureiro López falará sobre o respecto, os dereitos e deberes ou o diálogo nunha época como a adolescencia: un problema complexo para o que non existen solucións simples. O Concello de Carballo anima a todos os pais e nais interesados a que asistan ás charlas.

Compartir: