Inicio Carballo ao día Hemeroteca O programa do 'Novembro con música...

PROGRAMACIÓN CULTURAL

O programa do 'Novembro con música 2008' aglutina as actuacións de 23 agrupacións chegadas de toda Galicia

Luns 3 de novembro do 2008

Precisamente o Orfeón Caixa Galicia 'Terra a Nosa' será o encargado de abrir o programa o venres 7 de novembro coa proposta 'A Capella', un obradoiro de música antiga con cancioneiros españois do século XVI que vén de visitar o museo Metropolitan de Nova Iorque e a catedral de Washington. O 8 de novembro será o momento para a homenaxe a Manuel Rodríguez Caamaño, un carballés ao que a Asociación Cultural Lumieira quere render un tributo dentro do 'Novembro con música'. Tamén da man da Fundación Caixa Galicia chega a Orquestra de Cámara da Sinfónica de Galicia que interpretará temas de Arriaga e García Abril -entre outros- o 14 de novembro.

Pero o 'Novembro con música' sempre depara un especial protagonismo ás agrupacións locais. Así, haberá o tradicional Festival de Corais, ou o concerto de música tradicional 'Sons de aquí', ademais do Concerto de Santa Cecilia. Tamén hay espazo para o rock co festival 'Live in Cances' con grupos carballeses como The Cerne, Oak Bank ou Killer Cats. Para os máis cativos, os concertos 'En familia' coa aparición de 'O poliño feo' e 'Cantos rodados'.

Así mesmo, a oferta musical complétase coa presenza de actuacións poéticas -cunha homenaxe a Curros Enríquez- e con dúas exposicións: unha dedicada ao fotógrafo Manuel López que visita o Pazo durante o mes de novembro; e outra sobre o centenario do himno galego que comeza o 4 de decembro. A Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, queren agradecer a colaboración da Fundación Caixa Galicia e de todas as entidades que participan no programa, como a Xunta ou a Deputación, así como das asociacións do municipio que fan posible o 'Novembro con música'.

Compartir: