Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Premio do Público de 2007 e unha estrea...

XVII EDICIÓN DO FIOT

O Premio do Público de 2007 e unha estrea en Galicia pechan a edición máis internacional do Outono de Teatro

Xoves 30 de outubro do 2008

'A boa persoa de Sezuán' é a aposta do CDG. Estreada hai unha semana en Santiago, esta versión da obra de Bertold Brech dirixida polo portugués Nuno Cardoso está levada á escea por un amplo elenco de actores galegos que encarnan as personaxes desta parábola. Nela, tres deuses baixan á terra coa esperanza de atopar persoas boas e xustas. Sen embargo, tan só Shen Te, unha prostituta que vive en Sezuán, segue estes ditados. A cita é o venres 31 de outubro no Pazo da Cultura a partires das 21.00 horas. A duración do espectáculo é de 150 minutos, con descanso.

Lonxe da intensidade de Bretch, chegan as gargalladas da man de quen se deu en chamar 'o Nobel da risa'. O belga Joseph Collard presenta 'Zic-zag', un espectáculo de humor visual cunha linguaxe universal, no que o actor traza a súa vida de mimo dende os seus inicios ata a súa consagración nun conxunto de situacións divertidas, raras e emotivas. O sábado 1 de novembro este clown pecha o FIOT, que nesta edición número XVII trouxo máis de 26 espectáculos -incluíndo a Rúa dos Contos-, dúas estreas de obras en Galicia, máis de cen artistas e máis de 40 técnicos a disposición do público carballés.

Compartir: