Inicio Carballo ao día Hemeroteca Entran en funcionamento as 120 novas prazas de...

TRÁFICO

Entran en funcionamento as 120 novas prazas de zona azul para o casco urbano carballés

Venres 24 de outubro do 2008

O casco urbano carballés conta a partir de agora con arredor de 400 prazas de aparcamento regulado por zona azul, que foron creadas pouco a pouco dende o ano 2002. O Goberno local ten a intención de continuar ampliando no futuro a área de influencia deste sistema seguindo de xeito concéntrico dende o centro da vila.

A zona azul limita o aparcamento nestas prazas a 90 minutos, e impide, unha vez rematado este tempo, que o usuario poda estacionar de novo noutra praza de zona azul situada a menos de 250 metros do lugar de chegada. Ademais, os veciños e veciñas deben indicar no momento do aparcamento, a hora de chegada. A ausencia desta sinalización é motivo de infracción. O horario de limitación comprenderá de 9.00 a 20.00 horas, agás os domingos, festivos e a tarde dos sábados, que non haberá limitación.

O obxectivo desta medida é facilitar a existencia de prazas de estacionamento e a eliminación dos vehículos lapa -ou ventosa- que ocupan unha mesma praza incluso durante todo o día. Benedito Viña sinala que a zona azul tamén favorece "que a xente poida realizar as súas xestións e compras con comodidade para que Carballo sexa o centro social e económico da zona".

Compartir: