Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación aborda no pleno do mes de...

SESIÓN PLENARIA ORDINARIA

A corporación aborda no pleno do mes de outubro o proxecto de abastecemento de auga para o val de Baldaio

Venres 24 de outubro do 2008

No apartado de saneamentos e abastecemento de augas, tamén está previsto aprobar unha modificación do anteproxecto para a implantación de colectores xerais para a depuradora (EDAR) de Ardaña, que dará servizo aos municipios de Carballo e Coristanco. Mediante este cambio delimítanse con claridade as competencias de cada Concello á hora de xestionar esta infraestrutura.

Esta sesión ordinaria tamén supón a creación dunha comisión para emprender o deslinde co Concello de Coristanco. Trala recente formación dunha para emprender este proceso co Concello larachés, agora tócalle a outro dos veciños, para continuar no futuro con Cerceda e Tordoia, os outros municipios limítrofes. Nesta comisión estará un membro de cada grupo político municipal, o secretario do Concello, un técnico asesor e dous veciños da parroquia de Entrecruces, a afectada polo deslinde.

Así mesmo, abordaranse outros asuntos de trámite, como a regulación do inventario patrimonial de bens do Concello, ou os criterios de amortización dos bens municipais. Regúlase tamén o servizo de axuda no fogar para persoas dependentes, incrementando o número de horas de atención semanais para adaptalo á nova Lei de Dependencia e tamén se debaterá sobre a modificación da Ordenanza de Feiras e Mercados, que pretende que o funcionamento da feira sexa o máis operativo posible. Por último, no apartado de mocións, o PP presenta un total de tres propostas.

Compartir: