Inicio Carballo ao día Hemeroteca Propostas chegadas dende Italia e Portugal enchen...

OUTONO DE TEATRO

Propostas chegadas dende Italia e Portugal enchen esta fin de semana o escenario do FIOT

Xoves 23 de outubro do 2008

'Teatro da mangiare?' propón un escenario con pouco máis de 20 espectadores que acoden a cear. Tres actores cociñan, fan de camareiros, falan, contan, actúan e as táboas vólvense un restaurante de emoción e de memoria. O traballo de Teatro delle Ariette é prácticamente unha autobiografía, unha singular experiencia de campesiños-actores que preparan e consumen unha verdadeira comida, uns pratos que abren as portas do corazón e mudan nunha experiencia intensa e impactante. O venres 24 e o sábado 25 ás 21.00 horas.

A Compañía João Garcia Miguel opta, en cambio, por unha orixinal revisión dun clásico de Shakespeare. Con 'Burguer ® King Lear', dous brillantes actores, un australiano e un portugués, representan o retrato da fraxilidade dun home na procura da súa humanidade. A amargura e a traxicomedia únense neste espectáculo que mestura o inglés e o portugués. Será o domingo 26 ás 21.00 horas.

Por último, esta fin de semana lévase a cabo a Homenaxe 20 anos de Ártabro Teatro, que inclúe a actuación do cantahumor Riki López. Os que non poidan desfrutar o sábado 25 con Teatro delle Ariette, xa que as entradas están esgotadas, poderán acudir de balde, tras recoller unha invitación, a este encontro no que tamén haberá o espectáculo 'El hombre más feliz del mundo'. No salón de actos do Pazo da Cultura ás 21.00 horas.

Compartir: