Inicio Carballo ao día Hemeroteca A polifacética directora, autora e actriz...

FIOT

A polifacética directora, autora e actriz Dorotea Bárcena recibe o galardón Xograr de Outono 2008

Xoves 23 de outubro do 2008

Dorotea Bárcena recibiu a noticia da súa elección con grande entusiasmo e ledicia. A entrega do galardón terá lugar a próxima semana no Pazo da Cultura de Carballo. Diplomada en Maxisterio, abandona moi pronto as funcións docentes, para dedicarse de pleno ao teatro, participando en 1970 na creación, con Xulio Lago, do grupo Esperpento Teatro Xove, un dos grupos máis activos do incipiente teatro independente galego.

En 1985 participa como actriz no primeiro espectáculo de Teatro do Atlántico, 'Xoana'. No ano 1995 realiza traballos co Centro Dramático Nacional, participando no espectáculo 'Martes de carnaval' a partires da coñecida obra de Ramón María del Valle-Inclán; con A Factoría Teatro en 'A casa de América' (1998) e co Centro Dramático Galego en 'Xelmírez ou a groria de Compostela'. Ademais foi nomeada directora do Centro Dramático Galego no ano 1988. Tamén fundou a compañía Esperpento La Picota de Madrid, Teatro da Mari-Gaila de Santiago e Teatro da Lúa de Santiago.

Así mesmo ten unha ampla traxectoria no mundo cine, xa que participou en 'Divinas Palabras', 'Dame algo' e 'Ernesto en 10 minutos'. Hai que destacar a súa traxectoria no mundo da televisión nacional en TVE, Antena 3 e Telecinco, en series como: 'Pepa y Pepe','¿Quién da la vez?' ou 'Periodistas'. Aínda que para o público galego é popular pola súa personaxe na serie 'O show dos Tonechos', que se emite semanalmente na TVG.

Compartir: