Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

SERÁ OS DÍAS 6 E 7 DE XULLO NO FÓRUM CARBALLO

O Curso de Verán Traballando en lingua cumpre doce anos e aborda a mellora do prestixio do galego no ámbito empresarial

Luns 13 de xuño do 2016 Carballo ao día

Traballando en lingua

Xa está aberto o prazo de inscrición

O Curso de verán sobre dinamización lingüística #traballandoenlingua chega neste 2016 á súa duodécima edición. Un encontro anual estabilizado en que nos once anos anteriores se fixeron análises, debates, reflexións e propostas prácticas de cara á mellora do proceso de normalización da lingua galega, traballando o discurso, os argumentos, as accións, a creatividade, a implicación, os métodos, etc. E nesta XII edición representantes do ámbito da lingua e do sector empresarial reuniranse os días 6 e 7 de xullo de 2016 no Fórum Carballo para traballar arredor de algo moi importante para o presente e o futuro do idioma: o uso e o prestixio do galego no ámbito socioeconómico.

Así, o programa inclúe sesións para analizar a situación da lingua galega no ámbito da empresa e o comercio, os motivos desa situación e os factores e condicionantes que a provocan e que poden ser claves para mellorala. Tamén se darán a coñecer e avaliaranse experiencias positivas sobre o uso da lingua galega, ou que procuran o uso do galego en comercio, empresa produtos ou publicidade. E, finalmente, hanse propor medidas de intervención que procuren mellorar o uso e o prestixio da lingua galega neses ámbitos. En definitiva, un curso que busca mellorar o uso e o prestixio da lingua na empresa, nos comercios, nos produtos, na publicidade, nos negocios, etc.

O galego como valor engadido para empresas e produtos

Ao longo de dous días o curso acollerá relatorios, debates, presentacións de experiencias, reflexións, etc. Deste xeito, comezará o mércores 6 coa presentación do Plan de dinamización da lingua no tecido económico 2015-2020 por parte do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez. A continuación será a vez do presidente da Confederación de Empresarios/as de Galicia (CEG), Antonio Dieter Moure, que falará da lingua como valor positivo de identificación empresarial. A mañá do primeiro día rematará cunha mesa redonda con representantes de empresas de diverso tipo que destacan polo uso do galego na comunicación, como é o caso de R (participará a súa responsable de comunicación, Malú Bergantiños), Deleite (falará o seu voceiro, Pedro González) e Todo Lar (que estará representada polo seu xerente, José Manuel Naya). Xa pola tarde, o profesor da Universidade de Vigo Fernando Ramallo fará unha análise sobre os espazos da lingua galega no ámbito socioeconómico. A continuación, Xosé González, voceiro do Foro Enrique Peinador falará da experiencia deste grupo de empresas a prol do uso da lingua propia. Tamén haberá unha análise sobre o uso do galego na publicidade, que fará Chechu Pérez, publicista da Universidade de Vigo. Rematará a primeira xornada coa intervención da artesá zoqueira Elena Ferro (Eferro) sobre a dignificación e posta en valor do propio.

O curso busca mellorar o uso e o prestixio da lingua na empresa, nos comercios, nos produtos, na publicidade, nos negocios...

A segunda e última xornada do curso comezarase falando da paisaxe lingüística comercial, a partir do exemplo de Carballo. Un traballo que farán as xornalistas Paula Vázquez e Noelia Antelo, que tamén guiarán un paseo comentado pola paisaxe lingüística comercial polas rúas, feira e mercado de Carballo, combinado con arte urbana. A continuación, a presidenta da Unión de Consumidores/as de Galicia (Ucgal), Ana Olveira, falará da lingua como valor para as persoas consumidoras, e o xestor internacional e profesor da Universidade da Coruña, Jakson Renner, falará sobre o galego como valor turístico. Rematará a mañá coa intervención de María Xosé Jamardo Curros (Grupo Alfas) sobre as potencialidades do galego nas empresas de novas tecnoloxías. Xa pola tarde, representantes das empresas Imaxín, Reverso e Fabaloba contarán as súas experiencias sobre os servizos para a posta en valor da lingua nas empresas e, a continuación, o decano de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, Anxo Calvo, falará sobre o papel da lingua na responsabilidade social corporativa das empresas. Rematará o curso cunha análise e debate de conclusións e ideas para un mellor futuro do galego no ámbito empresarial, algo que guiará o comunicador, xestor e escritor Ramón Vilar Landeira.

#QuedamosenCarballo: prezos alcanzables para todos e todas

Os prezos de participación neste curso son de 30 € para estudantado, persoas desempregadas, membros da UDC e socios/as da CTNL, e de 50 € para o resto, e este prezo, ademais do curso, inclúe os xantares e os cafés dos dous días. Ademais, hai unha oferta de hospedaxe en Carballo para participantes no curso que vai desde os 22 € / día con almorzo incluído. Polo tanto, unha persoa de fóra de Carballo pode participar quedando a durmir na vila desde os 52 € durante todo o curso, e con cuarto, almorzo, xantar e todas as actividades formativas incluídas.

Máis información e programa completo en:

-    Web do curso: www.traballandoenlingua.gal
-    Páxina en Facebook do curso: www.facebook.com/traballandoenlingua



Galería

Compartir: