Inicio Carballo ao día Axenda Festa regueifeira para presentar o libro-disco...

Festa regueifeira para presentar o libro-disco "Regueifa en Bergantiños"

Mércores 13 de decembro do 2017 20.30 horas - Taberna O Mexillón Lingua

Alba María Rodríguez, investigadora e regueifeira, presenta o seu libro-disco Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo o mércores 13 de decembro na capital bergantiñá. E para a presentación, que organiza o Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística, escolleuse un lugar simbólico e acolledor para a regueifa, como o é a emblemática Taberna O’Mexillón, ademais, casa natal de Alfredo Brañas. E non será unha presentación ao uso, pois tratándose de regueifa, non podía faltar a improvisación cantada, polo que xunto coa autora, que é regueifeira, tamén estará outra coñecida da zona, Lupe Blanco. No acto participará ademais o editor da Central Folque, Ramom Pinheiro, ademais do concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira.

Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo, é un volume que inclúe un ensaio sobre esta forma de expresión e transcrición e análise das letras e das melodías empregadas, xunto con gravacións inéditas en CD, nas que se pode escoitar regueifando a Blanco de Muíño Seco con Josefa de Vigo ou con Pedro Bardancas, a Celestrino con Calviño ou con Antonio de Xornes, ou xuntos a Mandián, Suso de Xornes, Celestrino e Calviño.

Esta festa regueifeira que terá lugar o mércores 13 na Taberna O’Mexillón é a primeira de varias que durante os próximos meses terán lugar en Carballo para a posta en valor, socialización, difusión e actualización da regueifa, e que se desenvolverán desde o Servizo de Normalización Lingüística municipal no marco do proxecto Enreguéifate.

Compartir:


- 2024 +
- Abril +
L
M
M
X
V
S
D
1
2
4