Inicio Carballo ao día Novas A Xunta de Galicia somete a información...

A Xunta de Galicia somete a información pública o proxecto de trazado da primeira fase da variante de Carballo

O Consello Parroquial de Bértoa dará a coñecer as liñas xerais da actuación á veciñanza este venres 8 de xullo, de 18.00 a 20.30 horas, no novo Centro Social

Mércores 6 de xullo do 2022

O proxecto de trazado da primeira fase da variante de Carballo atópase en fase de información pública. A Xunta de Galicia sométeo ao procedemento de avaliación ambiental simplificada, no que supón un paso adiante no longo proceso de tramitación desta necesaria infraestrutura e a apertura dese proceso á participación veciñal.

Precisamente este venres, de 18.00 a 20.30 horas, as liñas xerais do documento poderán consultarse no Centro Social de Bértoa, por iniciativa do Consello Parroquial. As persoas interesadas, sen embargo, poden descargar o proxecto completo aquí, e tamén está habilitado nesta mesma ligazón o formulario de participación.

Segundo informa a Xunta de Galicia, a primeira fase da variante, que conectará o polígono de Bértoa coas estradas de Santiago e Ordes, suporá un investimento de 18,7 millóns de euros, dos que 1,2 corresponderán ás expropiacións das 182 parcelas afectadas. A circunvalación permitirá eliminar o tráfico pesado dunha zona especialmente sensible da trama urbana, na que se concentran un colexio de primaria, un instituto de secundaria, un parque infantil e un complexo deportivo.

O proxecto da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade estrutúrase en dous treitos, un de 2.850 metros e outro de 800 metros, que empezan e rematan con glorietas. A variante terá un carril por sentido, “como mínimo”, sen comunicación directa coas propiedades lindeiras, que terán o acceso garantido mediante camiños de servizo. Tamén está prevista a construción dun viaduto de 340 metros sobre o río Anllóns, dous pasos superiores e un inferior. Segundo informan desde a Xunta, para o deseño tívose en conta a intensidade media diaria de tráfico no horizonte do 2045, no que se estima que acadará entre 8.747 e 11.360 vehículos ao día. A velocidade de proxecto será de 80 km/h.

O período de presentación de informes por parte das administracións consultadas estenderase durante un período de 20 días, que empezaron a contar o 29 de xuño. O documento está dispoñible na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda: https://cutt.ly/LKGaToe

ANTECEDENTES

  • Abril do 2005. A Xunta de Galicia aproba o estudo informativo e de impacto ambiental para definir unha variante da estrada AC-552 en Carballo.
  • Abril de 2009. O DOG publica a declaración de impacto ambiental da variante de Carballo.
  • Febreiro de 2010. A Subdirección Xeral de Planificación e Programación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita o concurso de asistencia técnica para a redacción do proxecto de trazado e construción da variante de Carballo. Resulta adxudicataria a empresa Enxeñeiros e Arquitectos Consultores Idom, S.A.
  • Setembro de 2012. A Xunta aproba o proxecto do trazado da variante de Carballo.
  • Maio de 2013. A Xunta aproba o proxecto de construción da variante de Carballo.
  • Febreiro de 2016. O Concello de Carballo aproba o PXOM, que inclúe a reserva de infraestruturas da variante coincidente co trazado aprobado pola Xunta no 2013.
  • Ano 2020. A Axencia Galega de Infraestruturas retoma o proxecto mediante a licitación do contrato do servizo de redacción do proxecto de trazado, actualización do estudo de impacto ambiental e proxecto de construción da variante de Carballo, treito 1 (AC-552 – AC-413 – DP-1914). A declaración de impacto ambiental está caducada, polo que debe redactarse un novo estudo de impacto ambiental.

Ligazóns

Compartir: