Inicio Carballo ao día Novas Tres bandeiras azuis e o certificado EMAS avalan...

Tres bandeiras azuis e o certificado EMAS avalan a calidade ambiental e dos servizos nas nosas praias

O alcalde e o concelleiro de Medio Ambiente participaron no izado das bandeiras en Pedra do Sal, Baldaio-Saíñas e Razo

Sábado 2 de xullo do 2022

Pedra do Sal

Pedra do Sal

A Bandeira Azul volve a ondear nas praias de Baldaio-Saíñas, Pedra do Sal e Razo como símbolo da boa calidade das augas de baño, dos areais e dos servizos que prestamos aos usuarios e usuarias. A calidade ambiental e a excelencia na prestación dos servizos son os eixos arredor dos que xira a acción da Concellaría de Medio Ambiente, e por iso en Carballo tamén ondea nas nosas praias outra bandeira, a do Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría (EMAS), que implica un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e a atención aos usuarios e usuarias.

Baldaio-Saíñas

Baldaio-Saíñas

Un ano máis, este sábado izamos as bandeiras que simbolizan os valores do noso litoral. No acto participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales; o coordinador de Protección Civil, Javier Souto, e unha representación da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e da Unidade de Salvamento Acuático, aos que se sumou en Razo o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo.

Razo

Razo

Co obxectivo de seguir impulsando o aproveitamento sostible da nosa franxa costeira, ao longo do verán tamén se levarán a cabo outras actividades. Despois do obradoiro de restauración da píllara de vimbio de Razo, hoxe arrincou o programa “eu quero Razo-Baldaio” cun obradoiro de iniciación á ornitoloxía que resultou un éxito de participación, con 40 persoas inscritas. A próxima actividade será este mércores, pero se queres coñecer todas as citas previstas para o verán e reservar praza só tes que entrar aquí.

A campaña anual de volei-praia, que tamén presentamos hoxe, ou a Praia dos Libros, que abrirá as súas portas en breve, son outras propostas para gozar do verán nas nosas praias xunto co surf, a pesca deportiva ou o baño. Neste sentido as cinco zonas de baño do noso litoral que están controladas sanitariamente (Pedra do Sal, Razo, Arnados, Ría de Baldaio e Saíñas) acadaron a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria remitida pola Consellería de Sanidade.

Bandeira do certificado Emas

Bandeira do certificado Emas

Compartir: