Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

90 adestradores de baloncesto participarán este sábado no 1º Clinic Concello de Carballo

Óscar Lata, que será un dos relatores, participou na presentación da iniciativa, impulsada pola Concellaría de Deporte en colaboración coa Escola Basket Xiria

Xoves 16 de xuño do 2022

De esquera a dereita, Primitivo Reguera, Óscar Lata, Evencio Ferrero, Arturo Ferraces e Marcos Trigo

De esquera a dereita, Primitivo Reguera, Óscar Lata, Evencio Ferrero, Arturo Ferraces e Marcos Trigo

A primeira edición do Clinic de baloncesto Concello de Carballo reunirá este sábado a 90 adestradores/as no pavillón Vila de Noia. O número de inscricións supera as mellores expectativas, e tanto dende a Concellaría de Deporte como dende a Escola Basket Xiria, promotores da iniciativa, confían en que esta boa acollida sexa un primeiro paso para a súa consolidación.

Entre os referentes das bancadas do baloncesto estatal que estarán en Carballo figura o coruñés Óscar Lata Alonso, que vén de fichar como adestrador do Melilla. A súa vinculación coa nosa vila, xa que dirixiu o Basket Xiria dende o 2004 ata o 2006 e foi un dos artífices do ascenso a Liga EBA. Hoxe quixo estar tamén na presentación do Clinic, porque, como manifestou, “a verdade é que me fai unha ilusión especial estar nesta primeira edición, que oxalá sexan moitas máis, e formar parte do cartel”.

Con el estiveron o presidente e o director deportivo do club, Primitivo Reguera e Arturo Ferraces, respectivamente; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que se amosou especialmente contento de poder volver a saudar a Óscar Lata, ao que felicitou pola súa traxectoria e desexou que siga sumando éxitos deportivos. O alcalde agradeceu tamén a iniciativa do Basket Xiria para seguir dinamizando e promocionando o deporte dentro e fóra do noso concello.

O presidente da Escola Basket Xiria, pola súa banda, agradeceu a predisposición do Concello de Carballo para poñer en marcha esta iniciativa. “Creo que temos capacidade para que se consolide, e penso que lle vai dar visibilidade ao deporte carballés, ao Basket Xiria e a Carballo”, manifestou Primitivo Reguera.

O 1º Clinic Concello de Carballo, que se celebrará este sábado 18 de xuño no pavillón Vila de Noia, conta coa colaboración da Federación Galega de Baloncesto e está enmarcado no programa da Escola de Adestradores impulsada polo club carballés e dirixida por Fernando Buendía, que, aínda que hoxe non puido asistir á presentación, foi o responsable da confección do cartel.

O clinic ten como finalidade axudar na formación do/a xogador/a, servir coma referencia para os adestradores de base, e que poidan aplicar cos seus xogadores os coñecementos recibidos. Unha charla pola mañá e dúas na sesión de tarde conforman o programa do clinic, que convalidará 12 horas de formación nos cursos da FEGABA e que nace coa idea de converterse nun clásico de estas datas na comarca de Bergantiños.

Para conseguilo contaremos con tres adestradores de primeira:

  • Víctor Tomás Pérez Bermúdez, (Santiago, 1973). Adestrador axudante do Obradoiro e un dos artifices do gran traballo individual dos xogadores que pasaron polo club como ponte á Euroliga ou NBA. Falará ás 12.00 horas sobre "Traballo específico das mans para a mellora dos xogadores".
  • José Ramón «Jota» Cuspinera Diéguez (Getxo, 1970). Adestrador de clubs como Estudiantes, Baskonia, Fuenlabrada ou Real Madrid. Falará ás 16.30 horas do "Uso de espazos para o desenvolvemento do xogador".
  • Óscar Lata Alonso (A Coruña, 1974). Ex adestrador de Basket Xiria, conta cunha ampla experiencia como adestrador axudante en ACB ou Euroliga, actualmente no UCAM Murcia. Pechará a xornada ás 18.30 cun relatorio sobre "Xogo de cara, busca de solucións individuais".

Compartir: