Espazos naturais

Paisaxes de costa...

O Espazo Natural de Razo-Baldaio é, sen dúbida, o punto de maior interese paisaxístico e ecolóxico do Concello. O complexo de Baldaio comprende unha grande área de litoral xurdida dun entrante costeiro, que rematou pechándose cunha gran barra de area.

Na actualidade diferéncianse neste espazo catro medios naturais ou ecosistemas: unha barra de area con dunas ao longo da praia, que separa a lagoa do mar; a lagoa litoral, propiamente dita, cunha canle que permite o intercambio das mareas; unha marisma sucada por unha grande cantidade de canles que desaugan na lagoa; e unha xunqueira no oeste, desenvolvida sobre unha chaira areosa á que non chega a influencia das mareas.

Este Espazo Natural constitúe un contorno ideal para a observación de aves, especialmente na zona comprendida entre a lagoa e a marisma. Entre a rica avifauna de Baldaio destaca o grupo das limícolas, con mazaricos, agullas, biluricos, píllaras, pilros ou pilriños.

Formando parte deste espectacular complexo está a praia de Razo, un dos areais máis extensos e fermosos de Galicia. Tanto Razo como Baldaio son distinguidas cada ano coa Bandeira Azul, atendendo a aspectos como os seus servizos e a calidade das súas augas.

...e de interior

Na parroquia de Entrecruces, próxima á capela de San Paio, é posible contemplar un dos espectáculos máis fermosos que a natureza lle regalou á Comarca. O abondoso caudal do río Outón, especialmente no inverno e na primavera, precipítase dende unha altura de máis de corenta metros. Forma así un cachón de escuma e auga que, antes de chegar ao fondo, rompe en dous para abrazar a rocha negra do leito do río e que se coñece como Férveda de Entrecruces.

Nas proximidades da fervenza aínda poden verse os restos de antigos muíños de auga e, incluso, dunha pequena central hidroeléctrica que abasteceu ao concello tempo atrás, a partir de 1915.

Xa no treito de camiño que vai dende San Paio ata a fervenza, pola beira do río Outón, é posible observar o típico bosque de ribeira. Nel abundan os ameneiros, salgueiros, freixos, estripos, abeleiros e loureiros, entre outras especies.

Ademais, produto da faia meridiana que separa as parroquias de Rus e Entrecruces xorde un salto de auga duns 30 metros formado no río da Férvida. Esta forte corrente de auga deslízase por un chan de gabros, rochas de gran dureza e difícil erosión. Trátase da Férveda de Rus, que, a pesares de non contar cun grande desnivel, vai baixando de forma sinuosa pola canle do río, de xeito moi parecido ao dos tobogáns de auga, creando unha paisaxe de grande beleza.

Buscador:


Dunas de Razo

© Concello de Carballo, 2009