A artista carballesa María José Costa Valiña, 'Chiña', amosa a súa primeira exposición, composta por 24 obras, a través dunha viaxe a "unha paisaxe interior" que leva por título 'Incursión ao sutil'. Aínda que Chiña xa ten colaborado nalgunha mostra colectiva realizada en Carballo con outros artistas locais e volverá a facelo este ano, esta é a súa primeira experiencia en solitario, na que agradece "a oportunidade de ver a miña obra ao completo". Nela recóllense traballos realizados dende 2002 a 2009, reflectindo, segundo explica a propia Chiña, dúas etapas diferentes: unha primeira, centrada "nunha realidade máis visible"; e unha máis recente, máis intimista. A mostra pode visitarse no andar -1 do Pazo da Cultura até o 4 de abril, en horario de 18.00 a 21.00 horas.
Arredor de 30 mulleres asisten dende o pasado 22 de febreiro a un Curso de Ximnasia Pre parto organizado polo Centro de Información á Muller (CIM) de Carballo. A Concellaría de Igualdade e Benestar que dirixe Dores Silveira quere subliñar a elevada demanda que ten experimentado esta actividade, que está dividida en dous grupos de aproximadamente 14 alumnas. O número varía porque se rexistran novas incorporacións e baixas segundo se van producindo os partos. Unha matrona titulada imparte o cursiño os luns de 16.00 a 17.00 e de 17.00 a 18.00 horas. Ademais de practicar ximnasia relacionada co parto, tamén se inclúen coñecementos de educación maternal post parto mentres está de baixa a matrona do Centro de Saúde de Carballo. Así, o cursiño, que seguirá até o mes de xuño, consta dunha parte teórica e outra práctica.
O Concello de Carballo e o Centro Comercial Aberto (CCA) da vila organizan por segundo ano consecutivo una Feira das Oportunidades na que participan un total de 30 establecementos do municipio que poñen á venda productos excedentes da temporada, moi por debaixo do prezo de mercado pero cunha excelente calidade e co prestixio engadido do comercio carballés. Esta iniciativa é a primeira e máis importante das actividades incluídas no programa do Feirón de Primavera, que, aínda que este ano cae a 30 de maio, estende no tempo as súas propostas para dinamizar o comercio e as feiras de Carballo. A Feira situarase a fin de semana do 13 e 14 de marzo nunha carpa de 1.200 metros cadrados situada no aparcamento do San Martiño e contará con 33 stands: 30 de tendas do CCA, e outros tres destinados á información e como área de descanso. O horario de apertura é de 10.00 a 21.00 horas de forma ininterrompida.
Buscador:
© Concello de Carballo, 2009