Actualidade

VENRES ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

"Rosalías. Daquelas que cantan" homenaxea a Rosalía de Castro e a todas as mulleres con motivo do 8 de marzo

"Rosalías. Daquelas que cantan" homenaxea a Rosalía de Castro e a todas as mulleres con motivo do 8 de marzo

07/03/2013 O venres 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Pazo da Cultura de Carballo acolle ás 21.00 horas o espectáculo "Rosalías. Daquelas que cantan". Organizada pola Asociación Cultural Lumieira, a cita consiste nun acto musical e poético en homenaxe a Rosalía de Castro no que participan as cantantes Uxía e Dolores Platas, o grupo feminino Habelas hainas ou a poetisa carballesa Rosalía Fernández Rial. Da escenografía encárgase a artista Chiña e tamén está prevista algunha que outra sorpresa enriba do escenario. Este espectáculo multidisciplinar organizado por Lumieira, conta coa colaboración do Concello de Carballo e, ademais do Día da Muller, tamén conmemora o 150 aniversario da publicación de "Cantares Gallegos", de Rosalía de Castro. A Asociación Lumieira desenvolve este "acto musical e poético desde unha perspectiva que conxuga tradición e actualidade". Segundo salienta a presidenta da entidade e participante no espectáculo, Rosalía Fernández Rial, "partimos, asemade, da idea de que todas nós somos, dalgún xeito, Rosalías (de aí o nome do acto) e temos en común as letras e as músicas, nosas e súas, de todas". Así o espectáculo, de acceso libre para todos os veciños e veciñas ata completar o aforo, ten un fío condutor coherente e conxunto.

Segundo Fernández Rial, "tanto o discurso como a posta en escena dos poemas e as cancións van configurando unha "función" ligada, de "Rosalías"". Ademais, afirma, "preparamos varios temas entre todas, combinando a música de todas e os poemas". Neste singular espectáculo participan artistas de recoñecido traballo, traxectoria e creación, como son Uxía, unha das cantantes galegas máis internacional, directora artística de proxectos como o prestixioso festival Cantos na maré e autora de discos como "Meu canto", "Andando a terra", "Eterno navegar", etc., ademais de moitos outros colectivos. Tamén Dolores Platas, cantante carballesa que foi vocalista do desaparecido grupo Xocaloma, e que publicou o fermoso disco "Lúa descolorida", en 1985, no que musicou poemas de Rosalía de Castro. Poñerá tamén a súa música o grupo compostelá Habelas hainas, formado por catro rapazas que combinan música tradicional con ritmos actuais, cun estilo potente, fresco e innovador. A poeta carballesa Rosalía Fernández Rial será o fío condutor do espectáculo, fío que se irá tecendo con intervencións teatrais e poéticas. Así, poñeranse en escena diversos poemas por parte das artistas participantes, combinando sempre música e poesía. Da escenografía encárganse as artistas Chiña e Helena Ayape. Ademais, tamén haberá no espectáculo algunha sorpresa, coa intervención de Samira, unha nena de Carballo que tamén colabora neste acto.

Os interesados e interesadas poden descargr o cartel anunciador da cita nesta mesma nova nun documento en pdf.

Volver

Documentos relacionados

© Concello de Carballo, 2009