Actualidade

HORARIO HABITUAL: ATÉ O 30 DE MARZO DE 18.00 A 21.00 HORAS

Viki Rivadulla expón a súa visión dun mar "rexo", "forte" e "reivindicativo" no andar -1 do Pazo da Cultura

Viki Rivadulla expón a súa visión dun mar "rexo", "forte" e "reivindicativo" no andar -1 do Pazo da Cultura

01/03/2013 A artista muxiá Viki Rivadulla expón no andar -1 do Pazo da Cultura de Carballo a mostra "O meu mar". Titulada a partir dun poema de Gonzalo López Abente, esta exposición , segundo explica a propia autora, pretende recoller a través de 24 pinturas e 7 esculturas unha visión dun mar "creador dunha eterna traxedia", pero tamén un mar "rexo e forte" ao que hai que "devolverlle moito do que nos dá". Para Rivadulla tamén é unha presenza "reivindicativa" de "tribos mariñeiras", xente "traballadora e humilde que quere seguir vivindo do mar" porque "non pode haber futuro na Costa da Morte que non teña en conta o mar e as súas xentes". Ademais de no título, a autora subliña que a poesía e a literatura tamén teñen unha fonda pegada nesta mostra, xa que contén unha parte dedicada ás "Viúvas de vivos e mortos" de Rosalía de Castro, e outra sección para "A árbore da lingua". As obras de "O meu mar" pobóanse de mulleres e homes da Costa da Morte, recollendo "esa potencia creativa que somos", en verbas de Rivadulla, porque "o meu mar tamén é o mar dos poetas". E por iso, a mostra pechouse cun pequeno recital coa colaboración dos poetas Miro Villar, Suso Bahamonde, Paco de Tano, X. H. Rivadulla Corcón, Rosalía Fernández e Paco Souto.

A inauguración da exposición contou, ademais de coa presenza da autora e dos poetas que lle axudaron a presentala, da Concelleira de Cultura, Mar Eirís; do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e de numerosos membros da corporación e da vida cultural e asociativa carballesa. Mar Eirís quixo subliñar o carácter autodidacta de Viki Rivadulla, coñecida non só pola súa faciana como artista -en pintura e escultura-, senón tamén como artesá bonequeira, ademais de ser licenciada en Filosofía. Ferrero, á súa vez, quixo resaltar o traballo da autora, da que el mesmo ten unha peza (na que aparece el mesmo lendo "Sempre en Galiza"), e lembrar a presenza en Carballo, a través dos baixos de Baldaio, dese "mar tan cruel" da Costa da Morte, un mar que tamén "fai profundas amizades". Ese mar que "bate nas pedras que semellan impasibles", pero nunha acción na que "ao final sempre gaña o mar". Sobre as características das obras, a maioría son acrílico sobre lenzo, aínda que Rivadulla tamén emprega a técnica mixta, tanto nas pinturas coma nas esculturas, a maioría feitas de arxila e madeira. Os interesados e interesadas poden visitar a exposición até o 30 de marzo, no horario habitual de 18.00 a 21.00 horas.

Volver

© Concello de Carballo, 2009