17/08/2012 O Concello de Carballo, desde a Concellaría de Cultura, organiza un ano máis a Praza dos Libros, unha feira literaria que ten lugar entre o xoves 23 e o domingo 26 de agosto no Xardín Municipal da capital bergantiñá. Ao longo dos catro días de feira haberá un intenso programa de actividades de difusión da creatividade cultural galega para todos os públicos, e serán presentadas catorce novidades. Na Praza dos Libros haberá nove stands. Un do Concello de Carballo e oito librarías: Brañas e Trasgo (de Carballo), Como unha novela (da Laracha), Roget (de Vimianzo), Couceiro (da Coruña) e Editores de Compostela e Pedreira (de Santiago de Compostela). Durante os catro días, todos os libros terán un desconto do 10 por cento sobre o seu prezo habitual. Ademais, todas as persoas que merquen na feira participarán en sorteos diarios de lotes de libros. Ao lado das creacións culturais estarán os mellores produtos da zona, pois o xoves 23 e o domingo 26 pola mañá a Praza dos Libros convive coa Feira Tradicional de Carballo e durante toda a mañá do domingo 26 todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pan da marca Pan de Carballo. A Praza dos Libros, que se desenvolve desde o ano 2006, está organizada polo Concello de Carballo, coa colaboración de Conservas Calvo. O horario de apertura das casetas é de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 21.30 horas.
A animación principia o xoves 23 ás 19.30 horas, coa presentación de dous libros sobre lingua. Trátase de "Outramente" (Laiovento), de Pilar García Negro, e "Lingua e variación dialectal" (Laiovento), de Xosé Manuel Sánchez Rei. E o mesmo día, ás 20.30 horas, Manuel Iglesias Turnes presenta o seu primeiro libro, "As rapazas de Xan" (Xerais), que xa se converteu nun dos máis vendidos do ano. O venres 24 xa pola mañá, ás 12.30 horas, a actriz e escritora Paula Carballeira presenta o seu último libro, "O Principio" (Kalandraka), e faino a través dunha sesión de contacontos para nenas e nenos. Xa pola tarde, ás 19.30 horas, preséntanse dous novos libros infantís, concretamente de poesía infantil, e escritos por dúas persoas de Cee: Rafa Villar, que presenta "Patente de corso" (Embora), e María Canosa, que presenta "Acuario" (Embora) E a continuación, ás 20.30 horas, mais poesía, neste caso xa para adultos e por parte dunha escritora local, Rosalía Fernández Rial, que a través dun espectáculo poético musical presenta "Vinte en escena (Positivas)", o seu novo libro, ilustrado tamén por dous artistas de Carballo, Mon Lendoiro e Chiña.Animación a diario para os máis cativos/as
E todos os días na Praza dos Libros haberá moita, moita animación para os/as máis peques. Así, xa o xoves 23 pola mañá estará a Ciclobiblioteca, con contacontos espontáneos, e" ás 18.30 horas haberá un contacontos de Anxo Moure, "Contos da Meiga Sobreira. O venres 24 pola mañá tamén hai contacontos de Paula Carballeira, e ás 18.30 horas ten lugar un obradoiro de reciclaxe de camisolas e creación literaria, no que as nenas e os nenos teñen que levar unha camiseta branca e alí aprenden a decorala. O sábado 25, ás 19.30 horas, hai teatro infantil: Catalina, "Lino, Lina", por parte da compañía Glub Glub. E, o domingo 26, pola mañá tamén hai contos espontáneos na Ciclobiblioteca, e pola tarde, ás 18.30 horas, "Graciano Zoqueiro, trasniño gaiteiro", de Anxo Moure.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009