Ayuntamiento de Carballo


Actualidad

A PARTIRES DAS 15.30 HORAS ADESTRAMENTOS E CARREIRAS

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o 5 de agosto a segunda proba do Campionato Galego de Quadcross

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o 5 de agosto a segunda proba do Campionato Galego de Quadcross

01/08/2012 Un total de 17 pilotos compiten o domingo 5 de agosto na segunda proba do Campionato Galego de Quadcross que se celebra no Circuíto de Motor de Bértoa. Daniel Remuiñán e Alejandro Barca, dous pilotos da escudaría organizadora, Norte Motor, conforman a participación local nunha cita na que o primeiro é o favorito para a victoria, xa que, aos seus 16 anos, está clasificado en primeiro lugar tanto no Campionato Galego como no Campionato de España. A cita conta con dúas categorías Q1 e Q2, ademais de iniciación, e comeza ás 11.30 horas coas verificacións técnicas. Porén, até as 15.30 horas non principian os adestramentos cronometrados, aos que seguirán as carreiras. A entrega de premios está prevista para as 18.00 horas. Luís Remuiñán, de Norte Motor, quixo invitar a todos os veciños e veciñas a que asistan á proba, xa que, como chanceaba, non está previsto que faga demasiado sol durante a fin de semana, co cal o Quadcross pode ser unha alternativa perfecta para a praia. Tamén quixo subliñar o feito de que a organización, para favorecer a asistencia, ten previsto permitir a entrada gratuíta para nenos e nenas menores de 12 anos. A entrada para o público en xeral ten un custe de 5 euros e na cita colabora o Concello a través de Carballo Deporte.

O xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García Bello, quixo subliñar o mérito da escudaría Norte Motor, que principiou a traballar hai tan só un mes, aínda que está formada por xente veterana no mundo do motor. En grande parte por mor da crise, a participación en número de pilotos ten descendido respecto a anos anteriores, polo que García Bello tamén felicitou a Norte Motor por terse embarcado na organización da cita. Luís Remuiñán explicou que un dos motivos polos que se decidiron a organizar a proba foi o de evitar que o interese e a actividade arredor do quadcross esmoreza. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, desexou, durante a presentación da proba, que a xente asista ao Circuíto a desfrutar da competición e do espectáculo. Por último, Trigo tamén desexou que o público anime a competición e que en anos sucesivos a participación se incremente para poder seguir mantendo esta disciplina no Circuíto. Os interesados e interesadas poden descargar o cartel anunciador da proba nun documento en pdf nesta mesma nova.

Volver

Documentos relacionados

© Concello de Carballo, 2009