Ayuntamiento de Carballo


Actualidad

NA EXPLANADA: SÁBADO 21 E DOMINGO 22 DE XULLO

Mais de 130 deportistas participan en Razo no Campionato Galego de Salvamento Deportivo - Memorial Carlos Servando

Mais de 130 deportistas participan en Razo no Campionato Galego de Salvamento Deportivo - Memorial Carlos Servando

19/07/2012 A explanada da praia de Razo acolle o sábado 21 e o domingo 22 de xullo o Campionato Galego absoluto de Salvamento Deportivo - Memorial Carlos Servando que reunirá en Carballo a máis de 130 deportistas de oito clubes de toda Galicia. Deles, 80 están inscritos en categoría masculina e 50 en categoría feminina, sendo o club que máis competidores achega o SAPO de Pontevedra e con arredor de 30 participantes procedentes dos clubs de Carballo: o SAL e o SYSCA. Precisamente SYSCA (Salvamento e Socorrismo Carballo) é a entidade encargada da organización coa colaboración do Concello. A proba desenvólvese o sábado e o domingo a partires das 9.00 horas, alternando o sábado probas masculinas e femininas e deixando para a segunda xornada unha das probas máis espectaculares, o taplin, na que se realizan relevos de nado, táboa, ski e unha carreira final para entrar na meta. A entrega de premios está prevista para o domingo ao mediodía. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou a confluencia na mesma fin de semana de espectáculos como o Festival Sereas e Piratas ou de deportes como o volei-praia, o surf e o salvamento. Quixo pedir desculpas por adiantado polas posibles molestias para os usuarios/as do areal.

A organización, coa que tamén colaboran a FESSGA (Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia), Protección Civil de Carballo, a Fundación Deporte Galego e a Deputación da Coruña. quere destacar a espectacularidade que adquire a proba ao celebrarse na praia de Razo, non só porque está prevista a presenza dos mellores deportistas galegos na disciplina, senón porque trátase dunha cita en mar aberto, nun areal con correntes e oleaxe, o que contribuirá a mellorar a proba ao incrementarse a dificultade. Así mesmo, esta dificultade servirá para preparar aos deportistas para a proba do Campionato de España que se celebra o 28 e 29 de xullo en Cantabria, un motivo máis para que se acheguen a Razo os mellores da disciplina. Dende o SYSCA tamén queren subliñar o feito de recuperar o Memorial Carlos Servando, a primeira competición de salvamento que se celebrou en Galicia, que arrincou nos anos 90 e que non se celebraba dende o ano 2006. Se hai continuidade, o ano que vén a organización espera celebrar unha proba open, aberta a deportistas de toda España.

O obxectivo é darlle pulo a unha cita que estaba medio esquecida e que é moi espectacular para o público, un público que está asegurado, non só porque as predicción meteorolóxicas que avanzan sol, senón porque a praia de Razo será escenario de numerosos eventos culturais e deportivos durante a fin de semana. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo invitar a todos os veciños e veciñas a que vaian a Razo a desfrutar da fin de semana e das múltiples actividades, mentres que Evencio Ferrero desexou, no plano deportivo, "que a proba sirva para que algún galego acade bos resultados no Campionato de España".

Volver

© Concello de Carballo, 2009