Ayuntamiento de Carballo


Actualidad

VENRES 13 DE XULLO ÁS 20.00 HORAS NO XARDÍN MUNICIPAL

O Verán Cultural arrinca cun espectáculo infantil de Pés Ceibes que conta a historia de dous monicreques xigantes: "Pim pam"

O Verán Cultural arrinca cun espectáculo infantil de Pés Ceibes que conta a historia de dous monicreques xigantes: "Pim pam"

12/07/2012 O programa do Verán Cultural 2012 arrinca cun espectáculo especialmente dedicado aos cativos e cativas a cargo da compañía Pés Ceibes. Así, "Pim pam" conta unha conmovedora historia de amor entre dous monicreques xigantes e moi humanos que conseguirán romper os fíos que os manexan e enfrontarse aos seus manipuladores. Trátase dunha comedia de pantomima e clown que recrea un mundo máxico e evocador no que o público infantil goza dunha historia de humor e fantasía e no que calquera detalle pode converterse nunha metáfora dunha realidade máis próxima. Pés Ceibes nace no ano 2008 amosando o seu teatro polas rúas das principais vilas galegas, e atendendo tamén aspectos escénicos como os monicreques, a pantomima e o clown. A compañía defende o teatro de rúa coma canle de comunicación e expresión e deixando a súa humilde pegada nese xeito especial de achegar o teatro ao público. A cita é no Xardín Municipal a partires das 20.00 horas e está dirixida especialmente ao público infantil, aínda que chega a todos os públicos. Como todas as citas do Verán Cultural, a entrada é de balde. Debido a que neste momento as previsións son de choiva é posible que esta actuación sexa trasladada á Ludoteca Municipal.

Así mesmo, hai que mencionar que xa principiaron as Noites de Cine, tamén incluídas no Verán Cultural, que ofrecen un total de 16 sesións na capital municipal e nas parroquias (en lugares como Razo, Sofán, Baldaio, Cances, Oza, Ardaña, Imende, A Brea e Entrecruces) entre o mércores 11 de xullo e o mércores 22 de agosto, sendo sempre a cita dos mércores en diferentes puntos do casco urbano, como son o Xardín Municipal, a Praza de San Cristovo, a Praza do Chorís ou a Praza da Milagrosa. Entre as películas que están dispoñibles este ano hai que subliñar "X-Men: Primera generación", "Una aventura extraordinaria", "Las aventuras de Tintín", "La invención de Hugo", "Los descendientes", "Toy Story 3" ou "Piratas del Caribe: en mareas misteriosas". Hai que lembrar que o Verán Cultural continúa o xoves 19 de xullo co concerto de Xoán Curiel, "Magnético Zen", na Cervexería Dublín a partires das 22.30 horas. Esta cita musical está incluída dentro do programa do VIII Curso de Verán sobre Normalización Lingüística da Universidade da Coruña que nesta edición estará centrado na Dinamización Lingüística e Xustiza Social. A entrada ao concerto está aberta a todos os públicos e é gratuíta.

Volver

© Concello de Carballo, 2009