07/07/2012 Un ano máis a explanada do areal de Razo transfórmase nunha pista de volei praia para acoller as Escolas de Verán que organiza o Concello de Carballo xunto coa Asociación Cultural e Deportiva Volei Praia Costa da Morte. Esta iniciativa gratuíta, destinada a favorecer a práctica deste deporte, especialmente entre os máis cativos e cativas coas Pequescolas, complétase coa celebración de dous torneos de volei praia: o 20 e 21 de xullo o Sereas e Piratas; e o V Torneo Concello de Carballo o 19 de agosto. As Escolas desenvólvense cada día entre o 1 de xullo e o 31 de agosto nas pistas habilitadas na explanada de Razo de 16.00 a 20.00 horas (dependendo da afluencia incluso ata as 21.00 horas). Para participar, tan só hai que inscribirse na explanada e seguir as indicacións do persoal responsable da actividade. No caso das Pequescolas, que teñen lugar por segundo ano consecutivo, desenvólvense de 17.00 a 18.30 horas, e están destinadas a nenos e nenas de ata 9 anos que deberán contar coa supervisión dalgún adulto. O obxectivo é inicialos na práctica do volei ademais de fomentar o coidado da praia, e tamén se inclúen outros xogos como carreiras de relevos ou futvólei. Os adultos tamén terán a oportunidade de practicar actividades paralelas, como o mesmo futvólei, frisbee ou palas.
Respecto da información dos torneos máis polo miúdo, o primeiro deles celébrase o venres 20 e o sábado 21 de xullo coincidindo coa celebración do Festival Sereas e Piratas e conta con categoría masculina e feminina. Neste caso, a cita estipula un prezo inicial de inscrición de 20 euros xa que a organización ofrece premios en metálico aos mellores clasificados de ata 200 euros. Nestes momentos está aberto o prazo de inscrición e os interesados/as poden dirixirse a <ros25volei@yahoo.es> ou ao número de teléfono 606 400 858. O V Torneo Concello de Carballo, pola súa banda, celébrase o domingo 19 de agosto. A participación neste caso é gratuíta grazas ao patrocinio do Concello, Conservas Calvo e Alquileres Reneymar. A cita estará aberta a seis categorías, xa que pretende abranguer todas as idades, "dende os máis cativos e cativas ata xubilados", en verbas de Rosalino Mariño, responsable da actividade. Nestes momentos a organización traballa para completar o programa do torneo coa inclusión dalgunha actividade paralela, como un concurso de Miss e Míster Praia de Razo ou a presenza algunha exhibición deportiva. Así mesmo, aínda que nun principio os torneos terían lugar na explanada, a organización baralla a posibilidade de trasladar unha das dúas citas á zona do Cordobés, para estender a actividade deportiva a todo o areal. Estes detalles pecharanse nos próximos días.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009