Actualidade

EN DÚAS QUENDAS: DO 2 AO 7 E DO 9 AO 13 DE XULLO

Máis de 250 nenos e nenas, algúns de Polonia, Canadá ou Puerto Rico: no III Campus de Fútbol Base Concello de Carballo

Máis de 250 nenos e nenas,  algúns de Polonia, Canadá ou Puerto Rico: no III Campus de Fútbol Base Concello de Carballo

04/07/2012 O complexo deportivo As Eiroas acolle en dúas quendas do 2 ao 7 e do 9 ao 13 de xullo o III Campus de Fútbol Base Concello de Carballo que contará en total con máis de 250 participantes chegados de todos os puntos de España e incluso do mundo. Así, xa hai nenos de Suiza, Polonia ou Puerto Rico, así como de Madrid, Murcia ou Toledo, e espérase a chegada na segunda quenda de xogadores de Canadá. A presenza internacional vese favorecida porque por primeira vez o campus ofrece réxime de interinidade, con aloxamento en Carballo. José Ramón Torres Pichel, director das Escolas Luís Calvo, organizadoras da cita, subliña a elevada participación, que duplica a rexistrada en 2010, cando se puxo en marcha a iniciativa por primeira vez. Entre as novidades desta edición, Juan Antonio Ramos e Armando de la Morena, coordinador e director do campus, respectivamente, subliñan a presenza de catro nenas, así como a posibilidade para os participantes, de entre 4 e 16 anos, de ver as súas evolucións en vídeo para poder realizar as correccións. Así, durante as xornadas os cativos realizan rotacións de exercicios nos dous campos de fútbol das Eiroas, abordando diferentes metodoloxías que tamén inclúen unha parte lúdica. Despois, observan unha filmación do seu traballo, detectan os seus erros e fan por mellorar nas seguintes sesións.

O Campus conta coa colaboración de nove adestradores chegados das mellores canteiras de toda España, como son as do Atlético de Madrid, Athletic de Bilbao, Real Madrid, Deportivo da Coruña ou Espanyol. De feito, Juan Antonio Ramos e Armando de la Morena, este último proclamado recentemente campión mundial de clubs sub-17 co Atlético de Madrid, subliñan que "non hai ningún outro campus que una aos adestradores dos mellores equipos de fútbol base de España". Ramos quere destacar, tamén, o excelente comportamento dos rapaces e rapazas, así como agradecer a colaboración das Escolas Luís Calvo e do Concello de Carballo "que fan que cada ano esteamos máis a gusto". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, veñen de visitar aos participantes na primeira quenda do Campus, máis de 140, que posaron para unha foto de familia (na imaxe). Por último, a organización quere lembrar que a vontade do Campus é seguir medrando, xa que para o ano que vén está previsto crear o primeiro Campus Mixto de España, unha iniciativa pioneira que consiste en incorporar o surf ás actividades deportivas. Así, pola mañá desenvolveranse os adestramentos de fútbol, como nas tres primeiras edicións, e polas tardes haberá clases de surf en Razo coa colaboración de Art Surf Camp.

Volver

© Concello de Carballo, 2009