Actualidade

SÁBADO 30 DE XUÑO E DOMINGO 1 DE XULLO

A Mostra de Habaneras e a tradicional Festa do Bosque poñen o punto e final ás festas de San Xoán 2012

A Mostra de Habaneras e a tradicional Festa do Bosque poñen o punto e final ás festas de San Xoán 2012

28/06/2012 As festas de San Xoán 2012 pechan cunha das súas citas máis importantes, unha romaría de veciños e veciñas que dende hai uns anos marca sempre o final das celebracións: a Festa do Bosque. O Bosque do Añón convértese o domingo 1 de xullo no espazo onde os carballeses e carballesas desfrutan coa familia e os amigos dun amplo programa de actividades para todas as idades. A cita principia oficialmente ás 12.30 horas, aínda que a primeira das actuacións musicais está programada na sesión Vermú co Dúo Época, ás 13.00 horas; pola tarde, toca o Grupo de Gaitas de San Cristovo; e a partir das 20.00 horas haberá un concerto de música tradicional. Ás 22.00 horas é a quenda da música de Versión Imposible e pechan a festa a partires das 23.00 horas Lobishome e Metralletas Lecheras. Ademais da música, non hai que esquecer o tradicional Concurso de Sobremesas, patrocinado por Pastelaría San Luís a partires das 16.30 horas; e a 116ª edición do Campionato Mundial de baixada de augas doces de barcos de papel, ás 18.30 horas. Tamén haberá xogos populares ás 17.30 horas. Un programa moi completo que este ano verase lixeiramente alterado pola instalación dunha pantalla xigante para retransmitir ás 20.45 horas a final da Eurocopa 2012, na que compite a selección española despois de clasificarse vencendo a Portugal.

Pero antes da Festa do Bosque, o auditorio do Pazo da Cultura acolle o sábado 30 de xuño a partires das 21.00 horas a XVI Mostra de Habaneras, outra das citas habituais para pechar o San Xoán. Organizada pola Coral Polifónica de Bergantiños, o programa inclúe, ademais do repertorio dos anfitrións, as propostas musicais da Coral Polifónica Coruñesa Canticorum e da Coral Polifónica de Carral. Este ano a mostra volve a contar coa presenza do Coro Infantil de Voces Brancas. A Coral Polifónica de Bergantiños nace en Carballo no ano 1969 ao amparo do antigo 'teleclub', baixo a dirección do cura de Carballo Don Jaime Rodríguez Valcárcel. Ao pouco tempo toma a dirección Don Manuel Rodríguez Rodríguez, con quen a coral crece en formación musical e tamén en número de compoñentes, iniciando unha etapa de auténtica expansión. Ao longo da súa historia actou en cada vila ou cidade da xeografía galega e levou a cabo gravacións para a Radio Galega e para varios programas da Televisión de Galicia. No ano 2007 créase o coro de voces brancas, ilusionante iniciativa xurdida dunha colaboración coa parroquia de San Xoán Bautista. Colabora coa celebración desta cita a Comisión de Festas de San Xoán.

Volver

© Concello de Carballo, 2009